BNG esixe á Xunta que solucione “a desfeita” que creou no IES de Soutomaior e amplíe as súas instalacións

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo reproba ao titular de Educación a súa negativa a construír un novo pavillón de deportes e reconverter o espazo multiusos en aulas

O BNG esixiu á Xunta no Parlamento galego que solucione “a desfeita que vostedes crearon” no IES de Soutomaior e acometa a ampliación que precisa o centro. Así o reclamou nunha pregunta parlamentaria o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen recordou que o proxecto para a construción do novo instituto rexistrado en 2015 no concello contemplaba 12 unidades cunha capacidade para 360 alumnos e alumnas.

“Despois de tres lustros nos que numerosas persoas de Soutomaior, como o noso lembrado Lois Obelleiro, tentaran que o municipio tivese un instituto digno e á altura das súas necesidades, vostedes pretendían construír un instituto sen sequera bacharelatos coa indignación da comunidade educativa e a veciñanza ante este anuncio insultante”, recriminou, para indicar a continuación que foi precisamente a presión da cidadanía, os acordos acadados no concello e a chegada desta cuestión ao Parlamento galego as que obrigaron á Xunta a recuar.

O deputado nacionalista reprobou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que, lonxe de presentar “un novo proxecto ampliado e adaptado ás necesidades obxectivas” do municipio, o que fixo foi “apiñocar no mesmo espazo que había habilitado 16 unidades en vez de 12 e 480 alumnos e alumnas en vez de 360”.

Segundo advertiu, os resultados acadados a día de hoxe, tres anos despois da súa inauguración, “están á vista de todos e están sendo denunciados pola comunidade educativa”: “aulas diminutas con 30 alumnos apiñocados; catro departamentos en todo o centro de 7 m2 cada un para 42 profesores; unha sala de profesorado na que non colle nin a metade do claustro e unha falta de espazo que provoca dificultades para que o alumnado que o necesite poida ter diversificación curricular e limita a oferta de bacharelatos”, enumerou. A isto engadiu que “de salón de actos e pistas cubertas, nin falar”, e que, ademais, “a matrícula do centro está absolutamente colapsada tres cursos despois da súa inauguración”.

Lourenzo recordou ao titular de Educación que a xefatura territorial da consellería ten enriba da mesa “un proxecto acordado polo consello escolar para paliar esta situación” que o BNG comparte e instouno a construír un novo pavillón de deportes e reconverter o espazo multiusos en aulas, alternativa que foi rexeitada polo de agora polo conselleiro.

Durante o debate parlamentario, o deputado do Bloque recriminou a Rodríguez que puxera notas aos seus argumentos: “a quen vostede lle está poñendo un 0 é ao profesorado, que esta mesma demanda que nós traemos estana traendo eles enriba da mesa; ao claustro, que avalou tamén esta demanda; ao equipo directivo, que lla puxo á xefatura territorial enriba da mesa; ao consello escolar e, o que é máis grave, estalle poñendo un 0 ao propio goberno de Soutomaior que aprobou no pleno esta iniciativa que nós presentamos”, replicou con severidade.

Segundo advertiu, a reivindicación sobre o centro é reclamada por toda a comunidade educativa e a cidadanía do municipio, polo que instou ao conselleiro a “situarse a carón da veciñanza de Soutomaior ou facer o que sempre fixo, situarse a carón do PP”. “E cando se sitúan a carón do PP quen saca un 0 é a veciñanza de Soutomaior”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG