BNG esixe á Xunta que medie para manter a actividade e o emprego nas fábricas de XEAL en Cee e Dumbría

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Pérez criticou o comportamento “desleal” da empresa concesionaria, que en vez de priorizar na produción de ferroaliaxes está a “especular” coa enerxía hidroeléctrica

BNG esixiulle ao Goberno do PP que medie para que continúe a actividade e o emprego nas factorías de XEAL (antiga Ferroatlántica) en Cee e Dumbría. Ademais, pediulle que garanta que esta empresa presente un Plan Industrial de Viabilidade das Fábricas e estude a posibilidade de reverter as concesións nas estacións hidroeléctricas ante o incumprimento reiterado das cláusulas condicionais.

O portavoz de Emprego, Daniel Pérez, recalcou a importancia de que “todos os grupos políticos se sumen a esta iniciativa en ben destas comarcas”, e emprazou á Consellería de Industria a “exercer as súas competencias” mediante a mediación, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para manter un convenio propio actualizado.

Pérez enfocou a súa crítica nos danos provocados polo “desmantelamento encuberto e continuado da actividade industrial” dende que no 2019 a Xunta e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia autorizaran o cambio de titularidade das dúas plantas, que pasaron do Grupo Villar Mir ao fondo estadounidense TPG. Tamén denunciou a actual estratexia de XEAL, xa que esta industria conta con dúas actividades, a principal, a produción de ferroaliaxes, e a secundaria, a explotación hidroeléctrica. Na súa deriva actual, argumentou, a empresa inverte a orde e “fai especulación” coa enerxía hidroeléctrica, xa que en vez de adicala á produción industrial fai negocio con ela no mercado eléctrico.

Neste sentido, o portavoz de Emprego emprazou ao Executivo do PP “a dicir publicamente cal é o seu modelo industrial, onde está o límite? Cando quede só un traballador?”, inqueriu. Criticou o comportamento “desleal” da actual empresa concesionaria e, neste sentido, avogou por estudar a posibilidade de reverter as concesións de explotación das centrais hidroeléctricas “ante a incumprimento palmario” das cláusulas concesionais, argumentou.

O deputado do BNG demandou á Xunta condicionar, en caso de cumprir coas esixencias legais e medioambientais, a aprobación dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña. “É imperativo manter a plena actividade en todos os fornos e a recuperación do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría aos niveis de 2019”, argumentou.

Uns perxuízos para a economía de Cee e Dumbría que, explicou o parlamentario do Bloque, se traducen “na perda de máis de 110 empregos directos, a destrución de emprego auxiliar e a redución constante dos fornos, ata o punto que a día de hoxe só está funcionando un forno nunha das factorías”, remarcou. Esta proposta alternativa do BNG atopouse coa negativa do Goberno do PP, que a desestimou na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG