O portavoz de Emprego do BNG no Parlamento, Ramón Fernández, acusou o PP de recorrer a “xogos de palabras” para non garantir o mantemento da totalidade dos postos de traballo, 65 en total, do servizo de conservación das catro autoestradas rescatadas pola Xunta, a do Salnés, a do Barbanza, a de Ourense-Celanova e a de Santiago- Brión.
O PP votou en contra da iniciativa que defendeu o deputado do BNG para reclamar o Goberno de Rueda que asegure, “sen matices nin confusións”, que estes postos de traballado non van ser amortizados “en ningún momento”. “Son empregos vinculados ás labores de conservación, e non se entendería que o feito de pasar estas autoestradas a ser de titularidade pública significara unha mingua nos estándares de seguridade da infraestrutura”, advertiu.
O BNG presentou esta iniciativa co obxectivo de dar tranquilidade os e as traballadoras despois de que o pasado 21 de novembro o director da Axencia Galega de Infraestruturas declarase en sede parlamentaria que, tras un acordo transitorio coas actuais concesionarias para que seguiran realizando os labores de conservación en tanto non se formalizaban os novos contratos do sistema ordinario de conservación da rede autonómica de estradas, as novas empresas encargadas subrogarían ao “persoal que corresponda”.
Unhas palabras que xeraron inquietude entre o persoal traballador, explicou, que seis meses despois, e tras telo solicitado formalmente, non foi recibido polos responsables da Xunta para lles dar información de primeira man. “Os traballadores e traballadoras teñen xa serias dúbidas sobre o feito dos pregos non vir, cando veñan, con sorpresas desagradábeis”, apuntou o deputado do BNG, que explicou que o maior temor está nos postos de traballo vinculados ao control de cámaras.
Maila que as súas funcións corresponden a conservación e o seu convenio colectivo de aplicación é o da construción, tendo polo tanto dereito á subrogación, a preocupación por estes postos de trallo é maior posto que na rede de estradas da Xunta non hai cámaras, “e polo tanto non temos a certeza de que a Xunta non intente amortizalos cando inclúa este persoal nos contratos ordinarios”, afirmou o portavoz de Emprego do BNG.
“A subrogación o único que garante é que o persoal pase dunha empresa a outra, mais nada impide que a nova empresa os despida de inmediato”, precisou, lamentando o “desprezo” amosado polo PP cara estes traballadores por non comprometerse, votando a iniciativa do BNG, a “garantir o mantemento de todos os postos de traballo vinculados ás autoestradas do Salnés, do Barbanza, Ourense-Celanova, e máis Santiago-Brión”.