parlamento galego

BNG esixe á Xunta que deixe de poñerse de perfil na crise de Barreras e urxe á intervención pública para manter o emprego

Carmela González
Carmela González
Carmela González reclama ao Goberno galego que negocie co estatal para buscar unha solución para o estaleiro e que convoque a Mesa do Naval

O BNG recriminou no Parlamento galego a actitude do Goberno galego fronte á grave situación que está a vivir o estaleiro Barreras e urxiuno a buscar unha solución que pasa pola intervención pública, algo no que, segundo recalcou a deputada Carmela González, coinciden ademais todos os estamentos, todos os colectivos e mesmo o clúster do sector”.

“A Xunta non pode seguir de perfil, culpando ao goberno central da situación de Barreras, cando as competencias son súas”, reprobou, para a continuación esixirlle que “peten na mesa en Madrid como están a facer con Alcoa e atopen unha solución conxunta que poida salvar ao estaleiro e ao sector naval de Vigo e da súa comarca e que para o BNG pasa pola intervención pública, xa que é a única maneira de garantir a continuidade da actividade e do emprego”.

Nunha pregunta ante a comisión parlamentaria de Industria, a deputada nacionalista recordou que o estaleiro vigués se atopa sen carga de traballo e acaba de contratar a unha consultora especializada para a súa venda. “As primeiras decisións non auguran nada bo, negociando quitas na débeda coas auxiliares, negociando un ERTE e despedindo a un membro do comité de empresa como represalia por unha protesta no estaleiro”, relatou para advertir de que existe un risco real de que Barreras poida desaparecer, arrastrando a moitas industrias auxiliares e destruíndo moitos postos de traballo.

“Mentres tanto, a Xunta permanece impasible, esperando non sabemos moi ben a que. Quizais un milagre? Que veñan outros a resolver os problemas da industria galega sobre as que o Goberno galego ten competencias? Ou será que esperan a morte definitiva de Barreras?”, cuestionou con severidade ao director do Igape, encargado de responder á pregunta nacionalista e ao que reprochou que a única actuación coñecida por parte tanto do Executivo galego como do estatal foi achegar importantes sumas a través de préstamos do propio Igape e do CESCE, “o que non solucionou o problema e non fixo máis que encher os petos dos accionistas con cartos públicos”.

Logo de criticar a falta dun plan industrial para o sector, González instou ao Goberno do PP a convocar con urxencia a Mesa do Naval que comprometera constituír para someter todas as actuacións que recolle a lei de fomento do sector naval de Galiza, da que dixo tamén “vostedes aprobaron e non están cumprindo”. “Convoquen a mesa para redactar unha folla de ruta a longo prazo que garanta un futuro estable para o sector e que garanta a continuidade da actividade e do emprego”, esixiu.

A deputada nacionalista afeou ao máximo responsable do Igape que, máis alá de concretar algunhas cifras sobre os apoios económicos realizados ao estaleiro, só amosase, como repiten outros cargos da Xunta, a posta a disposición a Barreras. “E se Barreras non está a disposición de Vigo e marcha, que facemos?”, cuestionou con severidade para advertir de que o papel do Goberno galego non é “estar a disposición, senón velar porque a industria do país funcione, e estar a disposición do que os propietarios decidan non pode ser a única solución que temos para Barreras”.

Neste sentido, incidiu na necesidade de que o Executivo galego se sente co estatal para buscar conxuntamente unha solución de futuro que todo indica pasa pola intervención pública dun estaleiro que, segundo subliñou, xa foi público e vendido polo Goberno do PP no seu día, cando estaba producindo a pleno rendemento.     

Por último, na súa intervención, González tamén afeou a ausencia de políticas industriais para os sectores produtivos galegos, incluído o naval, por parte dunha vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación que na súa propia estrutura nin sequera conta cunha dirección xeral de Industria ou algún departamento centrado na industria, cando, segundo recalcou, “é fundamental para o crecemento para o país”. “O exemplo claro témolo ao lado, en Asturias, que xa nos supera na construción naval, en todos os datos: carga de traballo, pedidos,... en todos”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG