BNG esixe á Xunta dotar do persoal suficiente ao centro de saúde de Moraña para garantir a calidade asistencial

Luís Baŕa
Luís Baŕa

Bará puxo a este concello como exemplo do maltrato que o PP da ao rural, “perdeu case 500 habitantes nos últimos anos, como non van perder poboación con este servizo sanitario?”

Fronte á precarización que levan ao cabo os Populares na sanidade pública galega, o deputado do BNG enxalzou “o compromiso, a dedicación e entrega dun persoal que está sufrindo explotación e maltrato porque dan o mellor de cada un e cada unha”

O BNG demandou á Xunta dotar do persoal necesario ao centro de saúde de Moraña para garantir a calidade do servizo para a veciñanza destes concellos, que o pasado 22 de xaneiro saíu á rúa para protestar por esta situación límite.

“Teñen aos e ás profesionais ao límite e á xente protestando pola baixada da súa calidade asistencial”, denunciou o deputado por Pontevedra, Luís Bará, que aludiu á situación do centro de saúde de Moraña, que leva meses “nunha situación crítica”, sen persoal médico, con anulacións de citas desde hai máis de 5 meses, con nenos e nenas sen pediatra asignado e cunha situación límite de tensión e colapso que sofren cidadanía e persoal laboral. Unhas traballadoras e traballadores “que marchan porque non queren aceptar as condicións draconianas de traballo que lles impoñen”, argumentou. A veciñanza do concello, trasladou, quere “volver as condicións de antes”, é dicir, cando constaban 3 doutoras e doutores, unha persoa adscrita a pediatría e unha matrona.

Bará expuxo que esta precarización é o modelo que ten o Goberno do PP co rural, xa que “Moraña perdeu case 300 habitantes nos últimos dez anos, como non van perder poboación con este servizo sanitario?”, con casos como o do pasado 28 de decembro “con só unha médica no centro de saúde”, detallou. Un contexto onde ás e os profesionais están “aos pés dos cabalos con este maltrato e esta presión”. Un persoal sanitario do que enxalzou o seu “compromiso, dedicación e entrega porque dan o mellor de cada un delas e deles”.

O parlamentario do Bloque recriminou que os Populares, en lugar de solucionar este grave problema, desvíen a atención “á ampliación do centro de saúde, pero o que a veciñanza demanda é mellor atención, 3 médicos, matrona e pediatra, o que xa tiñan e que vostedes lles quitaron”. Xa que o Sergas non está a cubrir as xubilacións e “quere facer menos con menos”, criticou, “que é o que levan facendo todos estes anos”. Fronte a isto, o Goberno do PP non se comprometeu a dar ningunha solución nin a aumentar o persoal no centro de saúde morañés.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG