BNG esixe no Parlamento os expedientes das adxudicacións da Xunta a Eulen e unha auditoría externa

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés pide explicacións ao Goberno do PP ante as “singularidades” nos distintos contratos á empresa da que é apoderada a irmá de Feixóo

BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións urxentes ao Goberno galego polos “numerosos e cuantiosos” contratos adxudicados ao grupo empresarial Eulen, do que é apoderada a irmá de Alberto Núñez Feixóo, dende que este asumiu a presidencia da Xunta en 2009.

A formación nacionalista reclama, por unha banda e en virtude do artigo 9 do regulamento da Cámara, toda a información relativa aos expedientes de contratación nos que resultou adxudicataria a compañía dende o citado exercicio e, por outra, unha auditoría técnico-xurídica, externa e independente, sobre o procedemento e os criterios técnicos seguidos nos contratos públicos outorgados.   

O portavoz nacionalista de Xustiza e Institucional, Iago Tabarés, advirte que, dende a chegada de Feixóo á presidencia do Executivo galego, o Grupo Eulen foi beneficiario de 139 contratos da Xunta e entidades e fundacións dependentes por un importe superior aos 37 millóns de euros, cifra que triplica a acadada no período 2005-2009.

Nesta liña, tamén alerta sobre o que define como “singularidades” nos distintos procedementos de contratación, entre as que apunta a non licitación a través de lotes en determinados contratos, “evitando así a concorrencia doutras empresas”, ou a adxudicación de servizos a Eulen, a pesar de que a compañía “se atopaba incursa en baixas temerarias ou de non formular a oferta económica máis vantaxosa”. 

Ante estes feitos, Tabarés considera necesario e urxente “examinar a documentación relativa a tantas e tan cuantiosas adxudicacións” e, logo que o PP vetase onte na Cámara galega a proposta do BNG para que o Consello de Contas realizase un informe de fiscalización das contratacións realizadas pola Xunta con este grupo empresarial, se proceda á realización dunha auditoría técnico-xurídica externa. “A transparencia na xestión dos recursos públicos fai inescusables as explicacións de Núñez Feixóo e do PP”, conclúe o deputado nacionalista.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG