BNG esixe unha nova avaliación ambiental da planta de residuos de Cacheiras que teña en conta as demandas veciñais

Saleta Chao coa veciñanza de Cacheiras no Parlamento
Saleta Chao coa veciñanza de Cacheiras no Parlamento
Saleta Chao acusa o PP de ocultar intencionadamente a tramitación do proxecto e de menosprezar a xente que vai convivir con ruído, po e camións

A deputada da comarca de Compostela, Saleta Chao, defendeu no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle ao PP na Xunta que teña en conta as demandas da veciñanza de Cacheiras, no Concello de Teo, e reinicie o proceso para avaliar o impacto ambiental da planta de valorización de residuos que se proxecta na zona.

Trátase, explicou, dun centro xestor de residuos que se tramitou de costas á cidadanía e grazas a unha “decisión política” do PP, que tramitou “pola porta de atrás”, a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2023, cambios normativos que facilitan a implantación deste tipo de instalacións en solo rústico. Logo diso, denunciou, “o que houbo desde 2024 até hoxe foi unha estratexia de ocultación por parte do PP para esconder o que se estaba facendo respecto a esta planta”. “Houbo intencionalidade en ocultar a información á cidadanía afectada”, subliñou. 

A deputada nacionalista considerou “lóxica e razoable” a preocupación da veciñanza, canalizada agora a través da Plataforma STOP Planta de residuos de Cacheiras-Aldeas Limpas, pola proximidade das casas ao recinto e o impacto que o ruído, o po en suspensión e o paso de camións de alta tonelaxe vai ter para as persoas que viven nun lugar que, ademais, está próximo a unha escola infantil e a unha residencia de persoas maiores. 

Casas a tan só 50 metros

“Unha preocupación lóxica e razoable tendo en conta o previsible aumento de tráfico de vehículos pesados nesta zona rural onde as pistas de acceso son estreitas e onde non pasa un coche en paralelo cun deses camións con comodidade”, destacou a deputada do BNG, que criticou ademais que malia que o informe de impacto ambiental fala de que non hai núcleos de poboación próximos ás parcelas da planta, a realidade é que hai casas a 50 metros. 

A fase de funcionamento da planta, expuxo Chao, inclúe transporte externo do residuo, a recepción do residuo e o transporte interno, o tratamento do residuo, a recepción do mesmo e o transporte externo, o tratamento clasificación , trituración e cribado, o acopio do produto final e a saída do produto valorizado.  “Isto sen ter en conta que tamén  outras empresas e particulares poden ir á planta para depositar alí os seus residuos de obra”, agregou.

Saleta Chao reclamou, tal e como se recolle na iniciativa do BNG, o establecemento de canles de diálogo entre a Xunta  e a veciñanza afectada, á que non se tivo en conta durante a tramitación do proxecto e á que incluso o propio Concello de Teo, en mans do PP, vetou o acceso á información que solicitaron xa en decembro de 2024.

Por que o Concello de Teo non alegou?

“Tampouco o Concello de Teo, gobernado polo PP, comunicou á veciñanza que isto estaba en tramitación”, denunciou, para reprochar á alcaldesa, Lucía Calvo, agora intente un “cambio de posición de cara a fóra” cando “na práctica nada se move e nada muda”. Proba diso é, dixo, que o goberno municipal nin tan sequera alegou no proceso de tramitación da planta. “Se non estaba de acordo, por que non alegou?”, preguntouse a deputada do Bloque. 

A deputada da comarca emprazou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a reunirse coa representación veciñal, máis despois de tela “desprezado” con críticas á plataforma, que leva mobilizándose desde o mes de marzo, xuntando centos de persoas en concentracións diante do concello e tamén nunha marcha que percorreu a zona o pasado 18 de abril. 

Unha representación da plataforma seguiu desde o Parlamento o debate da iniciativa nacionalista, que recolle o sentir das  súas peticións. A iniciativa foi rexeitada polo PP, o que Saleta Chao considerou un novo “desprezo” á veciñanza de Cacheiras.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG