Parlamento Galego

BNG esixe explicacións sobre os impactos e beneficios do megaproxecto hidroeléctrico “Conso II” en Vilariño de Conso"

Secundino Fernández
Secundino Fernández

Secundino Fernández critica que, malia que Viana do Bolo e Vilariño de Conso producen o 25% da potencia hidroeléctrica en Galiza, non se xera riqueza na zona  

O deputado do BNG, Secundino Fernández, vén de formular unha batería de preguntas na Comisión 6ª do Parlamento galego en relación co proxecto Conso II, promovido por Iberdrola, que contempla a construción da maior central hidroeléctrica reversíbel do Estado español e de toda Europa na conca do río Bibei, en Vilariño de Conso e esixe explicacións sobre os impactos e beneficios que terá nos concellos afectados.

Este macroproxecto pretende conectar mediante unha dobre condución hidráulica os encoros de Bao e Cenza, separados por 10 km e cun desnivel de 690 metros. A central contaría cunha potencia de 1.800 MW e capacidade de producir até 4.000 GWh ao ano, case o dobre da de calquera central nuclear. “Poderiamos estar orgullosos deste dato  pero en realidade só serve para que grandes eléctricas se inflen a millóns porque riqueza e traballo deixan ben pouco na nosa provincia”, lamentou Fernández, advertindo ademais do “impacto social e ambiental” que terá a obra nunha zona incluída na Rede Natura 2000 e onde o volume de escavación previsto supera os 86.000 m³, cun 60 % de escavacións subterráneas.

 A central contaría en definitiva co dobre da potencia que xa están a producir Viana do Bolo e Vilariño de Conso,  con 875 megavatios, representando o 25,5% da produción hidroeléctrica de Galiza. “Como pode ser que esta riqueza que sae día tras día destes concellos polos cableados eléctricos aéreos non deixe aquí máis que problemas e unhas faragullas, mentres os beneficios os levan outros?”, preguntou Fernández.

Fernández lembrou que a provincia de Ourense é a maior produtora de enerxía hidroeléctrica do Estado, cunha xeración de 3.890 GWh no primeiro semestre de 2024, pero non recibe contraprestacións nin beneficios por esta sobreexplotación dos seus recursos naturais.

“Ourense ten 50 veces máis produción hidráulica que Madrid, porén Madrid acumula a maioría dos beneficios fiscais desas mesmas empresas eléctricas por estaren domiciliadas alí”, apuntou, recordando que a conca hidrográfica do Miño-Sil é unha das máis explotadas do Estado por parte das compañías eléctricas sen que esta “sobreexplotación pareza ter fin”. 

Ante a resposta da directora xeral de Calidade Ambiental da Xunta, María Jośe Echevarría, que botou balóns fóra resolvendo que era un asunto que competía ao Estado central, o deputado do BNG contestoulle que “se todo depende do Estado, por que se xuntaron representantes da Xunta, de Iberdrola e os alcaldes para falar desa megacentral?”. 

Opacidade e falta de transparencia

O BNG denuncia neste sentido a “opacidade e falta de transparencia” coa que se está a tramitar este proxecto, toda vez que a Xunta de Rueda xa autorizou a execución dunha galería de investigación xeolóxica sen sometela a unha avaliación ambiental ordinaria, a pesar do seu evidente impacto. A evacuación de cascallos afectará directamente á principal vía de comunicación de Vilariño de Conso, o que preocupa ao goberno municipal, que xa advertiu dos posibles danos.

Tamén está en marcha a tramitación dunha subestación de 400 kV en Viana do Bolo e dunha nova liña aérea que cruzará o municipio, co fin de dar saída á enerxía xerada, aumentando aínda máis o impacto no territorio. “Todo isto estase facendo sen información pública, sen explicar á veciñanza o alcance real desta megainfraestrutura, só grandes titulares de prensa que venden bondades e ningún problema”, criticou o deputado.

Ante esta situación, o BNG formulou na comisión 6ª deste xoves un conxunto de preguntas sobre o coñecemento e implicación da Xunta no proxecto, os informes ambientais emitidos, o estado da tramitación, os posibles beneficios para os concellos afectados, ou sobre se esta megacentral está sometida ao disposto na Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que usan recursos naturais galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG