BNG esixe a construción do Polígono industrial do Valadouro que leva trece anos paralizado, desde que o PP chegou á Xunta

Dani Castro
Dani Castro
Daniel Castro: “Por que o Partido Popular se empeñan en paralizar unha infraestrutura que daría beneficio e futuro á comarca da Mariña?”

O BNG reclama para Valadouro e a súa comarca a construción dun polígono industrial que o PP ten paralizado dende hai 15 anos. Ditas obras foron planificadas pola Consellería de Vivenda e Solo, baixo a responsabilidade do BNG entre 2005 e 2009, pero non se executaron porque o Partido Popular ten o proxecto aparcado desde que chegou ao Goberno da Xunta.

O deputado por Lugo, Daniel Castro, denunciou que o Executivo popular “pon pau nas rodas en lugar de facilitar a posta en marcha dunha infraestrutura que é vital para o concello de Valadouro”. Neste sentido, acusou ao PP de ter parado un proxecto que favorecería a chegada de máis empresas:  “É o propio empresariado da zona quen fai esta denuncia abertamente”, destacou na súa intervención parlamentaria, na que defendeu a creación de máis solo industrial na comarca da Mariña para favorecer a implantación de novas actividades empresariais.

Unha comarca, remarcou, “que nos últimos anos só recibiu malas noticias en termos industriais por parte dun Executivo galego que ten a competencia en materia de política industrial”. De feito, denunciou que dende que goberna o PP “sucedéronse os peches,  os despedimentos e as deslocalizacións de empresas na Mariña, o que sumado á situación de ALCOA e do sector pesqueiro, -agora co veto á pesca de fondo-,  xera unha enorme incerteza e preocupación na comarca”.

Precisamente para contrarrestar este momento de crise, son urxentes equipamentos e infraestruturas como a que aportaría ao concello e ao conxunto da Mariña o parque industrial do Valadouro que o Partido Popular se empeña en vetar desde a Xunta.

O deputado nacionalista preguntouse “cal é a razón para que o Goberno do PP se negue a apoiar algo que daría beneficio e futuro a xente da Mariña”, sobre todo cando o concello xa dispón dos terreos. “Son unha decepción para a veciñanza de Valadouro, que leva dez anos vendo como a Xunta do PP paraliza unha iniciativa que todas e todos queren, persoas ás que se lles nega o futuro na súa terra”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG