BNG esixe o cese inmediato do xefe territorial de Educación na Coruña polos seus comentarios franquistas e machistas e a súa falta de ética política

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández reclama a comparecencia do conselleiro para dea explicacións por un nomeamento que escandaliza á comunidade escolar 

O BNG vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno de Rueda o cese inmediato de José Santiago Freire Abeijón como xefe territorial da Consellería de Educación, cargo no que acaba de ser nomeado malia ter un currículo que “escandaliza” á comunidade educativa.

En concreto, o BNG reclama o cese do ex alcalde de Noia “por posicións públicas previas machistas e franquistas, así como de denuncias sobre irregularidades na xustificación de gastos con fondos públicos”, e porque “non ten un perfil acorde ao que se espera dun representante institucional da Consellería de Educación”.

A portavoz de Educación nacionalista, Cristina Fernández, vén de rexistrar ademais unha iniciativa na que demanda a comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para dar explicacións por un nomeamento, mediante libre designación, que “premia” a unha persoa que “usa imaxes de Franco nas súas redes sociais para festexar vitorias do PP e cunha mochila de grandes machistadas e irregularidades na xustificación de gastos públicos”. 

Fernández Davila critica, ademais, que, con estes antecedentes, Rueda poña nas mans de Santiago Freire “a encomenda de vixiar o control ideolóxico nos centros educativos imposto polo PP á fronte da Xunta”. “Malia súa falta de ética e de actuacións reprobables, Santiago Freire vai ocupar un cargo relevante e no que se espera traballe a prol dunha educación inclusiva, igualitaria e respectuosa cos valores democráticos”, advirte a deputada nacionalista. 

Na súa iniciativa, o BNG lembra que en marzo de 2017 Santiago Freire foi reprobado polos comentarios machistas que fixo durante un acto de homenaxe a unha mariscadora polo Día Internacional da Muller, comentarios que foron rexeitados mesmo pola secretaria xeral de Igualdade e polos que se viu obrigado a pedir desculpas publicamente. 

Santiago Freire, que tamén foi alcalde de Lousame, chega ademais ao cargo de xefe territorial de Educación na Coruña despois de que o pasado mes de outubro saíse á luz pública que o PP local de Noia cargaba gastos “inxustificables” á subvención do grupo municipal, en concreto, facturas de bares, catering e restaurantes, “cuestión carente de ética e politicamente insostible” polas que a corporación lle solicitou a entrega da súa acta como concelleiro, lembra a portavoz de Educación do BNG.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG