BNG esixe a Augas de Galiza que pase dos anuncios aos feitos para solucionar os problemas de saneamento en Oia

Brais Ruanova
Brais Ruanova
Ruanova: “Cantos caldeiros de augas fecais ten que sacar a veciñanza das casas para que a Xunta se poña traballar en darlle un saneamento digno?” 

O deputado do BNG Brais Ruanova denunciou no Parlamento os problemas de saneamento que sofre a veciñanza do Concello de Oia, sobre todo no rural, tras seis anos de anuncios “fracasados” nos que a Xunta en mans do PP prometeu solucións sen que até o de agora se realizase ningunha obra. “A veciñanza de Oia non vive de anuncios”, advertiu.

Nunha pregunta ao director de Augas de Galiza, Roi Fernández, o deputado lembrou que xa no ano 2020 a entón conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou un proxecto piloto para desenvolver un novo modelo de saneamento rural en Oia, anuncio ao que se sumaron outros posteriores sen que até o de agora pasasen da “nota de prensa á realidade”.

“Estudos sobre estudos, diagnósticos sobre diagnósticos e reunións sobre reunións”, afeou Ruanova, que acusou o Goberno do PP de afondar na “Galiza de dúas velocidades” e no abandono do rural ao non garantir o dereito de toda a poboación a ter servizo de saneamento. Até o de agora, criticou, a resposta da Xunta ante as denuncias veciñais no caso de Oia, que o BNG levou ao Parlamento, son “unha tomadura de pelo” e unha “absoluta falta de respecto”

Facéndose eco das denuncias veciñais, o deputado de Vigo, que levou este asunto á Comisión 2ª, denunciou os efectos que as augas fecais vertidas directamente ao mar teñen no porto, nas zonas de baño e incluso no trazado do Camiño Portugués pola costa, onde hai arquetas que desbordan.  

“Agora que teñen as competencias do litoral, van seguir permitindo os vertidos ao mar como os que están acontecendo en Oia?”, preguntoulle o deputado ao representante de Augas de Galiza, para advertir a continuación que “o que teñen que aguantar os veciños da costa é que saian augas fecais polo váter ou a ducha das súas casas”. “Cantos caldeiros de augas fecais teñen que sacar das súas casas para que o Goberno galego se poña traballar por un saneamento digno para este concello”, agregou. 

No mesmo sentido, advertiu que no interior, nas parroquias de Loureza e Burgueira, non existe sistema público de depuración nin alternativas para o baleirado de pozos negros. No barrio de Mavia, as filtracións e verteduras ao río son continuas e causan unha contaminación fluvial “inaceptable”. 

Depuradoras ecolóxicas para o rural

Fronte a inacción do Goberno galego, Brais Ruanova expuxo a alternativa do BNG para darlle solución á veciñanza de Santa María de Oia. Alternativa que por levar a cabo proxectos de depuradoras ecolóxicas (macrófitas e humidais artificiais) nos núcleos rurais en coordinación co concello, cos veciños e veciñas e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. 

Trátase, explicou o deputado do BNG, de “replicar o que xa funciona”, pois este tipo de solucións xa funcionan con éxito noutros concellos e son especialmente indicados para pequenos núcleos rural, pois abaratan custos, reducen o consumo enerxético, xeran biodiversidade e requiren dun mantemento sinxelo.

Ruanova propuxo tamén “transparencia e información pública” e, neste sentido, reclamou o Goberno de Rueda que dea a coñecer ao Parlamento e á veciñanza os resultados do estudo contratado en 2020 para analizar as alternativas para mellorar a depuración da franxa litoral do Concello de Oia. 

Ademais dunha maior vixianza das posibles verteduras e filtracións de augas sen depurar aos cursos fluviais, o deputado nacionalista demandou para a costa un sistema propio, licitando a depuradora de Pedornes se é necesaria. Esixiu ademais a Augas de Galiza que non se escude en temas competenciais e colabore de verdade co concello para dar solucións á veciñanza de Oia que, no que ten que ver co saneamento, “xa non atura máis”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG