O deputado do BNG Luís Bará esixiu ao PP que apoie a declaración de San Simón como lugar de memoria tal e como pediu o movemento memorialista galego e cuxa solicitude foi aceptada polo Estado. Demanda ademais á Xunta de Rueda que cumpra coas obrigas derivadas desta declaración. Entre elas, reclamoulle a aprobación dun plan de usos para regular as actividades permitidas na illa, encamiñadas a prohibir aquelas que sexan ofensivas para as vítimas e as súas familias.
Diante do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, Bará afirmou que a súa presenza na Comisión 1ª evidenciaba a falta dun organismo ou departamento que se dedicase á memoria histórica e acusou ao Goberno do PP de non participar nin impulsar ningunha actividade pública en San Simón.
Pregungoulle ao responsable da Xunta se vai dar a coñecer a historia de San Simón, sobre todo nesta etapa histórica de represión franquista, "pola súa importancia e polo valor pedagóxico que tería para ensinarlles ás novas xeracións, diante da auxe dos fascismos, os perigos que iso comporta e o que significan os valores democráticos, o que significa a intransixencia, o terrorismo de Estado ou unha ditadura".
Defendeu con firmeza que San Simón “non pode ser banalizada nin trivializada” con actividades de carácter festivo e lucrativo que se están a celebrar neste espazo que debería ser “de respecto ás persoas asasinadas e ás súas familias”, como a celebración de ginkanas, retiros de ioga con pernoctación na illa, buscas de tesouros ou campamentos piratas. “A ninguén se lle ocorrería facer este tipo de eventos nun cemiterio”, expresou. Son actividades “mercantilizadas e privatizadas, negocios que aldraxan as vítimas”, engadiu.
Para Luís Bará, "o maior atentado que se fixo nunca á memoria das víctimas" foi unha actividade de Samaín, que realmente era un Halloween na illa de San Simón, onde invitaban as persoas participantes a embarcarse nunha auténtica e aterradora aventura na que terían que superar terroríficas probas pola illa, co reclamo "Lo pasarás de miedo".
Para o deputado nacionalista, San Simón non é un lugar calquera e non todas as etapas son iguais, e a desta illa ten unha memoria “que aínda está viva”. ”Non se pode facer táboa rasa coa súa historia nin priorizar certos usos como os literarios ou de ficción, en referencia ás actividades sobre o Capitán Nemo, nas que “non se prioriza a memoria senón as lendas ou a historia”. “Isto sérvelle —ao PP— de pantalla ou parapeto para eliminar e para tapar todo o que teña que ver coa memoria histórica, porque vostedes non fan absolutamente nada ela”, acusou.
Durante a súa intervención, Bará enfatizou que o BNG non caerá na tentación de caer en ataques persoais nin de linchar ao adversario político por diferenzas ideolóxicas. A súa postura, subliñou, é a de manter os valores éticos e respectar os límites que a política debe ter. Neste sentido, agradeceu o xesto do deputado do PP, José Luís Ferro e recoñeceu a súa rectificación sobre as palabras nas que poñía en dúbida a existencia de mortes na illa. Bará subliñou que, en todo caso, estas manifestacións lograron atraer atención ao histórico espazo de represión e loita, poñendo novamente no centro as demandas de lembrar e honrar as vítimas do franquismo.
A intervención do deputado tamén se centrou na defensa da verdade histórica sobre os feitos acontecidos na Illa de San Simón durante a dictadura. Bará citou datos documentados que testemuñan a represión brutal, como as mortes e asasinatos de máis de 500 persoas debido ás condicións extremas do presidio entre 1939 e 1943. Moitas das vítimas foron enterradas en tumbas anónimas, sen que as súas familias puidesen recuperar os seus corpos.
Bará rematou a súa intervención cun chamamento á responsabilidade das institucións e pediulle ao PP que “non vaia en contra da verdade, da xustiza e da dignidade das vítimas”, que respecten os valores históricos e de memoria do lugar e apoien esta declaración. “É o momento de que corrixan ese rumbo errático e ofensivo que lle están dando á illa de San Simón”, sentenciou.