Parlamento Galego

O BNG esixe ao Goberno garantías de que Ferroatlántica mantén a explotación hidroeléctrica ligada á industrial

Daniel Fernández, Noa Presas e Mon Pérez
Daniel Fernández, Noa Presas e Mon Pérez
Fernández pide á Xunta que exerza as súas competencias e faga respectar as condicións da concesión para manter o emprego na Costa da Morte

O portavoz parlamentario de Industria, Ramón Fernández, reclamou ao Goberno da Xunta que no exercicio das súas competencias garanta a continuidade da produción e do emprego das plantas de XEAL, -antes Ferroatlántica-, en Cee e Dumbría, unha cuestión que pasa por esixirlle a empresa que manteña a vinculación da explotación hidroeléctrica dos ríos Xallas e Grande coa produción industrial de ferroaleaxes.

“A empresa conta cunha vantaxe que para si quixeran outras factorías electrointensivas, nada menos que a de ter un subministro eléctrico por debaixo do prezo de mercado grazas a esa concesión pública que lle permite explotar no seu beneficio as centrais hidroeléctricas”, indicou Fernández na súa interpelación ao titular de Industria, Francisco Conde.

Pero o que debería ser un complexo industrial modélico, explicou, “está en risco de desaparecer por causa das manobras do grupo de Villar Mir que leva anos tentando segregar as centrais da actividade industrial de ferroaleaxes e, por iso, ninguén entende que a xunta permitirse alegremente o cambio de titularidade da empresa e da explotación das centrais a un fondo americano vinculada con Ferroglobe, nin o persoal nin ninguén na Costa da Morte”, alegou na súa intervención.

Traballadores FerroatlánticaO deputado nacionalista denunciou que a empresa ten a produción industrial a un 10% da súa capacidade “poñendo en risco as instalacións”, ao tempo que ten adoptado medidas laborais “manifestamente ilegais”. A Xunta, subliñou, ten competencias plenas na concesión de explotación das centrais hidroeléctricas, competencias na concesión da explotación mineira de Serrabal de onde o Grupo Villar Mir extrae o mineral, e ten competencias tamén no porto de Brens creado expresamente para facilitar a actividade industrial das plantas.

Por iso, Fernández reclamoulle ao titular de Industria que, como goberno, exerza as súas competencias “e faga respectar as condicións das concesión, porque nin os traballadores e traballadoras das factorías de Cee e Dumbría, nin a comarca da Costa da Morte precisan máis declaracións baleiras de unidade, nin precisan un goberno en perenne xenuflexión senón un Goberno que actúe para defender o futuro da produción industrial e do emprego e os intereses da comarca”, concluíu.

Previa á interpelación no Pleno da Cámara o portavoz de Industria, Ramón Fernández, así como o deputado pola comarca, Daniel Pérez, acompañaron a unha representación dos traballadores e traballadoras das plantas de Cee e Dumbría que se manifestaron ante o Parlamento en demanda dun futuro para ambas factorías que suman 400 empregos directos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG