BNG encara a XVII Asemblea Nacional baixo o lema “Gañar unha nova Galiza” para ensanchar a súa base social e acadar a Presidencia da Xunta en 2024

Olalla Rodil e Xavier Campos
Olalla Rodil e Xavier Campos
A XVII Asemblea Nacional do BNG terá lugar o día 7 de novembro no Coliseum da cidade da Coruña onde serán aprobadas as liñas políticas para os vindeiros anos

A deputada do BNG, Olalla Rodil e o secretario de Comunicación, Xavier Campos presentaron o lema e imaxe gráfica da vindeira XVII Asemblea Nacional da formación nacionalista que terá lugar o 7 de novembro no Coliseum da cidade da Coruña.

Baixo o lema “Gañar unha nova Galiza”, o BNG encara a XVII  Asemblea Nacional con dous obxectivos: ensanchar a base social do BNG e conseguir o cambio político e transformador que precisa Galiza cunha Xunta  presidida, por primeira vez, por “unha muller nacionalista e feminista como Ana Pontón”, afirmou a deputada, Olalla Rodil.

Hoxe mesmo, explicou Rodil comeza o proceso de debate nas asembleas comarcais e locais. A tese política e organizativa serán debatidas entre os días 4 e 22 de outubro porque no BNG, dixo, “todas as decisións son tomadas de maneira asemblearia, nun proceso democrático e participativo” e son as os nacionalistas os que deciden “o rumbo da organización e a súa dirección política”.

Será a militancia, recalcou Rodil, a que decidirá a “liña política da organización” para os próximos anos. Estamos nun momento de “grandes retos” e o BNG pechou a etapa do 2016 e 2021 que valoramos “exitosa” recuperando a voz no Congreso, representación na eurocámara e pasar de seis deputadas e deputados a dezanove, liderando a oposición e converténdonos na alternativa política.

Tras esta etapa que pechamos agora, estivemos moi centradas na renovación do proxecto do BNG, tanto nas equipas, liderados, comunicación e propostas. Agora “abrimos un novo ciclo” con dous grandes obxectivos: “ensanchar a base social do BNG e conseguir o cambio político e transformador que precisa o noso país”, para todo isto, engadiu a nacionalista, é fundamental poñernos a traballar para que no ano 2024 a Xunta de Galiza estea presidida, por primeira vez, por “unha muller nacionalista e feminista como Ana Pontón”, reiterou Rodil.

Gañar X GZ,  Gañar unha nova Galiza!

Pola súa parte, o secretario de Comunicación do BNG, Xavier Campos recalcou que o BNG “abre unha nova etapa” coa celebración da Asemblea Nacional e cunha mensaxe que queremos enviar dende o primeiro día “imos saír a gañar” e por iso o noso lema, “Gañar unha nova Galiza” define claramente a ilusión e ambición política que nos vai mover nos vindeiros anos. Con gañar queremos dar resposta a unha expectativa social que vai máis alá dos votantes do BNG porque estamos seguros e seguras de que unha maioría social quere cambio e ten como referencia a “Ana Pontón e ao Bloque nacionalista galego”.

Nesta nova etapa, afirmou “saímos a gañar e a presidir a Xunta de Galiza no ano 2024” a través dun reforzo organizativo e militante do BNG nestes anos. Ademais, dixo, o noso lema tamén leva “unha nova Galiza” porque queremos “gobernar e transformar o país”.

Para o responsable  de comunicación, o lema da XVII Asemblea recolle “a vontade de ambición por gobernar o noso país e polo seu avance”. O lema e o deseño do cartaz, indicou é coherente coa liña estética do BNG nos últimos anos e simboliza un “X GZ” simbolizando o elemento central que nos move, “traballar por Galiza e a lealdade á sociedade galega”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG