parlamento galego

BNG empraza o PP a rectificar e votar en contra do acordo da UE e Mercosur para defender o sector agrogandeiro galego

Secundino Fernández
Secundino Fernández

Secundino Fernández di que os populares teñen unha “oportunidade de ouro” no debate dunha iniciativa nacionalista contra o “nefasto” tratado

“Provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións e dará entrada a produtos alimenticios sen garantías”, afirma

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, empraza os populares galegos a rectificar a súa postura respecto ao tratado entre a Unión Europea e Mercosur, apoiando así o sector agrogandeiro galego nas súas reivindicacións contra un tratado que é “nefasto” para o País.  “Provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións e dará entrada a produtos alimenticios sen garantías, prexudicando tamén as e os consumidores”, advirte.

O BNG defenderá este venres no Parlamento unha iniciativa na que se insta á Xunta a rexeitar o acordo de Mercosur polas graves repercusións que terá no agro galego. O  debate e votación desta iniciativa na Comisión de Agricultura constitúe —asegura Fernández– unha “oportunidade de ouro” para que o PP de Rueda se retracte e demostre que realmente defende os intereses de Galiza, do seu sector agrogandeiro e dos e das consumidoras.

Secundino Fernández lembra que o pasado mes de febreiro o BNG xa presentou no Parlamento unha moción para rexeitar o acordo e que entón o PP votou en contra, “posicionándose claramente a favor do tratado con Mercosur e en contra de Galiza”. “Diante das mobilizacións do sector en Ourense e Lugo, o PP intenta agora manipular a opinión pública, mentindo descaradamente sobre a súa postura sobre o tratado”, sostén, recordando a defensa que o propio Alfonso Rueda fixo do tratado durante a súa última viaxe a Uruguai.  

“Agora din, de xeito demagóxico, que se opoñen ao tratado”, critica o portavoz de Medio Rural do Bloque, que subliña que a primeira noticia da páxina web do Grupo do PP en Europa segue sendo hoxe a de que van votar a favor de Mercosur “para impulsar a economía europea” e porque constitúe “un fito que reforza a competitividade e a autonomía estratéxica de Europa”.

Fronte á postura dos populares, o BNG amosou sempre o rexeitamento a un acordo que, segundo explica Secundino Fernández, prexudica “enormemente” as explotacións agrarias galegas porque vai supor a entrada de produtos o Mercosur, como carne de vacún e avícola, “a prezos moi baixos” e con estándares de calidade por debaixo dos que esixe a UE aos seus produtores.

“As mulleres e homes que manteñen abertas as explotacións nas nosas parroquias non poderán competir con estes monstros da produción agropecuaria”, remarca o deputado,  que advirte ademais que o tratado traerá consigo un “grave problema” para os consumidores pola “falla de transparencia e certificación das condicións da produción de Mercosur”, onde “os cultivos e a cría de gando se realizan en condicións moi diferentes, pois nestes países permítese o uso de pesticidas, herbicidas e antibióticos que están prohibidos na UE”, explica.

A iniciativa do BNG que se debaterá mañá insta á Xunta a  opoñerse ao acordo entre a UE e Mercosur “polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego” e a transmitirlle esta posición ao Congreso, ao Goberno do Estado , ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG