Parlamento Galego

BNG empraza ao Goberno do PP a non autorizar a ampliación do vertedoiro de Campomarzo en Silleda

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado, á conselleira de Medio Ambiente: “Van permitir un macro vertedoiro para materiais perigosos e contaminantes situado a escasos metros da Rede Natura e do río Toxa, nunha zona protexida”

O BNG instou á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a paralizar a ampliación do vertedoiro de Campomarzo, en Silleda, no que se prevé a creación de tres balsas de distintos tamaños “que acumularían no seu conxunto máis de medio millón de litros a menos de 150 metros do Río Toxa” denunciou a deputada do BNG Montserrat Prado.

A empresa xestora de dito vertedoiro vén de solicitar a súa ampliación e adaptación para poder albergar unha maior capacidade de residuos, “até as 792.563 m3”, detallou Prado, e onde terán cabida lixos e residuos que veñen “da extracción de minas e canteiras, de químicos orgánicos e inorgánicos, de plásticos, de augas residuais” e demais composicións tóxicas, declarou.

A este proxecto oponse a veciñanza de Silleda, que denuncia o comportamento dun Executivo do PP “que lle devolveu o aval á anterior empresa sen esixir a solución á degradación producida polo vertedoiro existente”, e que non lle demandou “ningunha obra de restauración nin ter presentado un proxecto de uso para o vertedoiro, sancionado por múltiples ilegalidades na xestión de residuos de obra e industriais”, denunciou a parlamentaria do Bloque.

De feito, “agora o Executivo do PP inicia os trámites para prorrogar ese impacto”, criticou, fronte ao cal a deputada do BNG impeleu á conselleira de Medio Ambiente “a atender as reivindicacións non só da veciñanza, senón do propio Concello”.

“Van permitir un macro vertedoiro para materiais perigosos e contaminantes situado a escasos metros da Rede Natura e do río Toxa, nunha zona protexida”, recriminou Prado, xa que esta ampliación acrecentaría os riscos para a saúde da veciñanza da zona, que estaría exposta “á alteración da rede de augas superficiais e subterráneas, a alteración da biodiversidade, da calidade paisaxística, ao risco de incendio e á afectación á calidade do hábitat”, reprobou.

A parlamentaria nacionalista concluíu demandando a Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, “a exercer de Goberno de Galiza e non de comercial das empresas”, polo que emprazou á conselleira a non autorizar a modificación substancial da autorización ambiental integrada para o vertedoiro de residuos de Campomarzo, así como a recuperar de xeito integral os terreos da canteira “e realizar o baleirado de todo material impropio depositado na mesma dende o ano 2002, ben pola empresa propietaria ou pola Xunta”, compromisos rexeitados pola conselleira no Pleno.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG