parlamento galego

BNG empraza ao Goberno do PP a actuar fronte a seca mediante a prevención do malgasto de auga, máis financiación directo á produción agrícola e impulso á investigación

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira: “Dende o goberno galego débense tomar medidas a curto e a medio prazo para que as e os nosos agricultores poidan manter o nivel de producións dos seus cultivos”

O BNG demandou da Consellería de Medio Rural un maior apoio directo á produción agrícola, ao aforro de auga e á investigación para combater os efectos adversos da seca en Galiza, “cada vez máis frecuentes, porque a previsión é que veñan veráns máis longos e cálidos”, advertiu a portavoz de Desenvolvemento Rural, Carme Aira.

“Durante o ano 2022, como consecuencia do cambio climático, sufrimos unhas condicións climáticas extremas no noso país que afectaron aos cultivos, debido a unha ola de calor sen precedentes que, segundo informan as especialistas no tema, non será a última e que provocou unha severa perda de produción”, avanzou Aira, que incidiu nos prexuízos que a falta de auga pode provocar nun País outrora tan rico neste ben, e cuxo estatus se ve ameazado pola nova realidade climática.

A portavoz de Medio Rural fixo referencia a casos concretos como o do pasado verán “no que as elevadas temperaturas diúrnas e nocturnas durante un prolongado número de días uníronse ás restricións hídricas prexudicando os cultivos, provocándolles enfermidades e baixadas produtivas continuadas durante todo o verán”, algo que tamén afecta a eses produtos agrícolas noutras estacións

“O noso País é moi diverso e a afectación é unha realidade, non hai estudo de impacto, nin liñas de investigación promocionadas ou traballos a prol dun mellor aproveitamento da auga”, determinou a deputada do Bloque, que pasou a explicar as vías de solución que o goberno na Xunta pode aplicar para combater a seca, como é o pago directo aos e ás produtoras agrícolas “e facerlle fronte ás perdas causadas pola seca que non afectaron só ás producións hortícolas, á seca afectou á produción froiteira, á de cereais de primavera, aos froitos secos, é dicir hai unha afectación xeral dos cultivos para consumo humano, xa que non houbo suficiente auga para a formación correcta dos froito”.

Ademais, esta acción de combate aos efectos adversos da falta de auga iría, precisamente, pola regulación do seu uso, detallou Aira, “mediante un acordo institucional para pautar preferencias de consumo de auga, estando por diante as persoas e os animais pero en segundo lugar deberán ser este tipo de cultivos vexetais que garanten a alimentación da poboación”, remarcou.

Neste sentido, subliñou como prioritario, tamén, o traballo activo para novas captacións de augas e a inclusión de medidas para que as produtoras e produtores leven ao cabo medidas de rego sostible que aforren auga e melloren o aproveitamento dela nos cultivos.

A portavoz de Medio Rural emprazou á Consellería do Medio Rural, por último a establecer unha liña propia de investigación, con dotación orzamentaria suficiente, e que teña dúas vías de mellor aproveitamento da auga e de combate á seca, mediante o estudo e difusión de melloras na captación de augas e sistemas de rego sostibles e para estudar, asemade, novas especies e a adaptación das actuais ao cambio climático dentro do sistema investigador agrario público.

Estes compromisos, dirixidos a facer de Galiza un territorio moito máis preparado ante as adversidades do cambio climático, foron rexeitados polo PP, que decidiu votar en contra, apelando como suficientes as axudas e impulsos dispoñibles ata o momento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG