A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG presentará unha emenda aos Orzamentos 2026 para incrementar en 15 millóns de euros a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar, o que permitiría aumentar de 12 euros a 17 euros a hora, de maneira retroactiva desde xaneiro de 2025, o financiamento da Xunta aos concellos, co obxectivo último de que o financiamento do SAF se sitúe de maneira progresiva nos 20 euros/hora en 2027.
“O obxectivo é, tal e como recolle a Lei de Dependencia, que o sostemento económico do SAF sexa financiado integramente pola Xunta e polo Estado, que son os responsables de financiar este servizo e non os concellos, como está pasando na actualidade”, afondou logo da reunión que mantivo en Santiago con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais do Bloque para abordar as dificultades que teñen os concellos á hora de soster un servizo que cualificou de “prioritario e básico para a atención das persoas maiores no seus fogares” e que, advertiu, se atopa nunha situación de “quebra técnica”.
Pontón denunciou que o SAF non recibe o financiamento necesario e obrigatorio por lei dun Goberno do PP que está descargando esta responsabilidade nos concellos, que xa teñen unhas finanzas locais moi mermadas. “A situación do SAF é insostible e o que non se pode é seguir mirando para outro lado, que parece que é a receita que ten o Goberno de Rueda”, recriminou.
Neste sentido, recordou que o Executivo do PP só achega neste momentos 12 dos 23 euros/hora que custa o servizo, o que implica que son os municipios os que teñen que aportar todo o resto, cando xa “están infrafinanciados” pola Xunta.
“Cada vez que se aborda esta cuestión co Goberno do Partido Popular, os resultados son promesas, anuncios e propagandas, de tal xeito que o Executivo de Rueda leva desde o mes de xullo de 2024 prometendo un incremento no financiamento do SAF, pero a realidade é que esa partida non se incrementa”, criticou.
Máis ben ao contrario, remarcou, xa que en 2025 o Goberno do PP quitoulle 17 millóns de euros á partida destinada a este servizo, un recorte que non é novo, dado que no exercicio anterior xa lle retirara outros 18,5 millóns de euros ao SAF, argumentando que os concellos non piden máis horas.
“Como van solicitar máis horas os concellos se non teñen capacidade para financiar esas horas? Ou pretende a Xunta do Partido Popular que as traballadoras do SAF fagan o seu traballo gratis?”, cuestionou, para reprochar ao Executivo de Rueda que tente unha vez máis responsabilizar ás administracións locais.
A líder nacionalista subliñou que a situación é insostible para as persoas maiores e as súas familias e tamén para ás traballadoras, que están prestando en moitos casos o servizo “nunhas condicións precarias e con salarios moi baixos” e que levan meses manifestándose para reclamar un convenio colectivo xusto sen que o Goberno do PP “nin tan sequera se digne a recibilas”.
“Ao Partido Popular estórballe o coidado das persoas maiores porque o considera un lastre, en lugar de velo como o que é, un dereito fundamental que debe ser garantido polas Administracións Públicas”, sintetizou, logo de denunciar a estratexia de dobre dirección do PP.
Por un lado, a “privatización do modelo de coidados”, de tal xeito que a vellez vese convertida nun negocio. “E cada vez que a vellez se converte nun negocio, pasan cousas tan graves como as que estamos vendo nas residencias con exemplos que todos coñecemos”, advertiu en relación aos últimos casos rexistrados en centros de maiores de Amoeiro, Xinzo de Limia ou Monforte.
Por outro lado, afondou, cando non chega a privatización, o PP “opta polo asistencialismo” ou, o que é o mesmo, “cargar no lombo das mulleres, que son as que maioritariamente se encargan dos coidados” na contorna familiar.
Así pois, o resultado deste modelo é que a Xunta “deriva máis recursos públicos precisamente a concretar prazas na privada, a concesións privadas ou directamente a bonos”, tal e como demostra o feito de que case a metade do programa de dependencia dos Orzamentos vai destinado a esta finalidade, en concreto, un total de 403 millóns de euros. “O Goberno de Rueda é unha máquina de facer negocio cos coidados e moi especialmente coa vellez”, resumiu.
Neste contexto, e xunto ao incremento de 15 millóns nos fondos do SAF para 2026, Pontón defendeu tamén outras dúas propostas neste ámbito de actuación. No inmediato, que a Xunta asuma a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, integrándoo no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, exactamente igual que pasa coa rede de escolas infantís, cos centros de día ou coas residencias que están dentro deste organismo público.
Isto permitiría prestar un servizo igualitario e de calidade a toda a poboación, “viva onde viva”, máis tendo en conta que os concellos, sobre todo os máis pequenos, non teñen nin os recursos, nin os medios, nin a capacidade financeira necesaria para garantilo.
Por último, a portavoz nacional defendeu a creación dun “Sergas social”, un Servizo Galego de Benestar equivalente ao Servizo Galego de Saúde, “concibido como unha rede pública de coidados”. Un servizo, explicou, que pode ter como xerme precisamente o Consorcio e a Axencia Galega de Servizos Sociais, tal e como foron concibidas no seu momento, cando o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta nesta materia.
Pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente da Fegamp, Secundino García, confirmou como o Goberno de Alfonso Rueda “se desentende” das súas responsabilidades e deixa nas mans dos concellos “solucionar un problema tan acuciante para a cidadanía como é a atención ás persoas dependentes”.
García recordou que esta é unha das grandes preocupacións da Fegamp, cuxa actual dirección leva desde o principio do mandato sen ser recibida pola conselleira de Política Social para poder abordar o financiamento do SAF.
“Lévase falando, desde que se empezou o mandato, desa cuestión e, á espera desa reunión, seguindo coa infrafinanciación de 12 euros a hora, cando os prezos hoxe en día da prestación dese servizo teñen unha media de 23-24 euros hora”, denunciou, para advertir a continuación que “a inmensa maioría” dos concellos galegos son concellos pequenos, de menos de 5.000 habitantes, polo que ese prezo se multiplica debido á dispersión da poboación.
O rexedor de San Sadurniño tamén criticou a actitude do Executivo do PP na mesa de traballo constituída pola Fegamp para elaborar un protocolo de actuación no SAF ante posibles casos de violencia, logo do asasinato dunha traballadora no Porriño. “A Xunta, como en moitos casos, botando balóns fóra e, na vez de mandar a esa mesa de traballo persoas con capacidade de decisión, envía á xefa de inspección ou á xente do ISSGA”, criticou.
García rematou apuntando que a estratexia do Goberno de Rueda é moi sinxela de explicar: “Eles poñen a funcionar a súa maquinaria de propaganda e a botarlle os problemas aos concellos, que son as Administracións máis próximas aos cidadáns”, concluíu.