BNG emendará a Lei do Audiovisual para garantir a presenza do galego

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego considera grave o incumprimento por parte do Goberno dos compromisos xa asumidos publicamente con anterioridade á aprobación do Proxecto de Lei no Consello de Ministros

A frente nacionalista reclama que a norma afecte todas as plataformas de contidos dixitais e non só as que teñan a sede social no Estado

Na pasada terza feira o Consello de Ministros aprobou o Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e a seguir, entrou no Congreso para a súa tramitación parlamentar. A sorpresa saltou ao comprobar que un dos elementos cruciais para garantir o dereito a contar con produtos audiovisuais en galego, catalán e eusquera, a obrigatoriedade dunha porcentaxe mínima de 6%, xa asumida publicamente polo Goberno, só iría afectar as plataformas con sede social no Estado español, mais non outras como Netflix, HBO e Prime Video. Néstor Rego anunciou que o BNG presentará emendas para garantir a presenza do galego.

O deputado nacionalista considera “grave” o incumprimento por parte do Goberno do compromiso de asegurar a presenza en todas as plataformas de contidos audiovisuais en todas as linguas oficiais e lembra que, para alén de ser unha reivindicación de xustiza, o Parlamento de Galiza aprobou de forma unánime no pasado mes de maio a 'Iniciativa Xabarín' que, entre outras cousas, reclama “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda”.

“O BNG vai formular emendas a este proxecto de Lei, para que respecte o criterio de igual tratamento a galego e castelán nos contidos audiovisuais de todas as plataformas e tamén para que os medios públicos estatais reflictan na súa programación a realidade plurilingüe e culturalmente diversa do Estado”, subliña Néstor Rego, que acrecenta que os galegos e galegas “tamén pagamos impostos, con que se financia a CRTVE, e temos dereito a ver as producións culturais galegas -ademais, de altísima calidade- neses medios”.

A formación nacionalista exixirá tamén que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada para o galego, nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App, tal e como tamén reclamou o Parlamento da Galiza..

Ademais, o BNG vai prestar atención á obrigatoriedade, quer das plataformas dixitais quer das televisións públicas e privadas con licenzas públicas -especialmente TVE- de contribuír para financiamento anticipado de producións audiovisuais na nosa lingua. Neste sentido, Néstor Rego lembra que nos Orzamentos do Estado de 2022 foi incorporada unha partida de 10,5 millóns de euros para o apoio á produción audiovisual en galego, eusquera e catalán.

Isto foi posíbel grazas a unha transaccional a partir dunha emenda impulsada polo BNG e rexistrada conxuntamente con ERC e EH Bildu. Con ela, recupérase un fondo que xa existiu entre 2009 e 2011 e que foi suprimido polo PP en 2012. “É unha contía modesta, mais fundamental para que o Ministerio de Cultura comece a apoiar o grandísimo talento que existe no audiovisual galego, que a pesar das dificultades xera produtos de grande calidade que son mesmo recoñecidos e premiados a nivel internacional”, salienta Rego.

O deputado do BNG enfatiza que o respecto aos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas e o recoñecemento da diversidade cultural e lingüística do Estado exixen medidas lexislativas claras e actuación prácticas en consecuencia por parte das administracións públicas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG