O BNG destaca a Castelao como figura central do nacionalismo e proporá no primeiro pleno deste ano que sexa recoñecido como como primeiro presidente de Galiza. Así o manifestou a portavoz nacional, Ana Pontón, este sábado en Rianxo durante a celebración do acto nacional organizado polo Bloque en conmemoración dos 75 anos do seu pasamento no exilio.
Un recoñecemento que, apuntou, debe ter carácter oficial e legal, porque “está historicamente xustificado, é de xustiza e debe ser un orgullo para as institucións e o pobo galego. O parlamento que el defendeu até o último alento, as institucións propias polas que deu o mellor de si, non poden negarlle a Castelao esta mostra de respecto e gratitude”.

“Escoitamos en moitas ocasións dicir que Castelao é de todos e de todas”, continuou, advertindo que no Pleno da vindeira semana “teremos ocasión de ver até que punto esa frase é certa coa votación da proposta do BNG de recoñecelo oficialmente como o primeiro presidente da Galiza. Quen negue o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente non só estará traizoando a súa memoria e a propia historia, tamén estará traizoando a Galiza”, sentenciou.
No seu discurso diante dun auditorio ateigado de xente, Pontón manifestou que a figura do político nacionalista, nado en Rianxo en 1886, un ano despois da morte de Rosalía, “non pode ser un símbolo baleiro, unha estatua inerte ou o nome dunha medalla. Castelao non pode ser invocado como emblema por quen combate o seu pensamento, por quen nega que Galiza é unha nación e por quen permite que a lingua galega sexa excluída e marxinada”, recriminou.
Advertiu que non van poder ocultar que xa en 1918, na Asemblea das Irmandades da Fala na que se asina a acta fundacional do nacionalismo galego, Castelao e o resto de participantes proclamábanse “de hoxe para sempre, nacionalistas galegos”.
A portavoz nacional do BNG aproveitou para facerse eco das palabras da súa compañeira de vida, Virxinia Peireira, que respondía ao manual franquista da ocultación e manipulación de Castelao deste xeito: “ Toda a arte de Castelao, debuxos, conferencias son esencialmente política”. Advertiu que “esta visión deturpada e manipulada de Castelao segue plenamente vixente hoxe na actuación do PP galego, aínda que pretenda envolvela en declaracións grandilocuentes e baleiras”.
Denunciou neste punto que o PP segue a “branquear o franquismo banalizando e minimizando o terror, os asasinatos e as mortes na illa de San Simón”, que o BNG reclama como Illa da Memoria. As recentes declaracións de dirixentes do PP en relación con San Simón son para ela “unha ofensa ás vítimas e as súas familias e son tamén unha aldraxe a Castelao, que a partir de xullo de 1936 converteu nun dos obxectivos centrais da súa vida a denuncia dos crimes da Ditadura e a dignificación e recuperación das vítimas do franquismo”.
Por iso, aclarou, “non son cribles as declaracións de amor a Castelao mentres se veta a celebración do Día da Galiza Mártir o 17 de agosto”, que el mesmo puxo en marcha no exilio no ano 1941. “Por moito que queiran desviar a atención ou facelo pasar polo que non foi, ou polo contrario do que foi, non van poder ocultar, negar ou soslaiar que Castelao foi unha figura central na historia do nacionalismo galego e na historia política de Galiza”, manifestou.
“Ninguén vai poder ocultar que deseñou unha estratexia política pensando na Galiza do porvir, un país que soñou próspero e dono dos seus destinos”, recalcou.
Castelao como fonte de inspiración e compromiso nacionalista
Ana Pontón quixo reivindicar que “ninguén na historia contemporánea do noso País ten unha folla de servizo tan extraordinaria. “Toda a súa vida e a súa obra constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, contribuíndo a que os seus ideais se fagan realidade na Galiza de hoxe”.

É por iso que, para a portavoz nacional do BNG, Castelao debe ser “fonte de inspiración e compromiso nacionalista, guía na defensa dos intereses de Galiza e das súas clases populares e exemplo de solidariedade con todos os pobos do mundo que sofren a opresión e a inxustiza, do Sáhara a Palestina”.
Amosouse convencida de que “Castelao estaría hoxe do lado do pobo galego que loita contra o espolio dos nosos recursos. O pobo organizado que se mobilizou masivamente contra a macrocelulosa de ALTRI, en defensa da Ulloa, desta ría de Arousa que queremos rica, viva e produtiva, e en defensa da dignidade colectiva”.
“Castelao estaría hoxe do lado da cidadanía que defende con orgullo que temos unha lingua propia e estaría estaría o próximo 23F en Compostela na gran mobilización en defensa da nosa lingua, contra as políticas lingüicidas do PP, porque se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma, e ninguén nos vai roubar nin a nosa lingua, nin o noso futuro!”

“Castelao estaría hoxe con toda a cidadanía que defende a igualdade real das mulleres ou o dereito a ser libres para amar e ser quen queiramos ser. Castelao estaría coas miles e miles de persoas que defenden vidas dignas, con empregos decentes, con servizos públicos de calidade e onde a vivenda sexa un dereito da maioría e non especulación dunha minoría”.
“Castelao estaría tamén do lado de quen defende o recoñecemento nacional de Galiza. E de quen propón unha Facenda Galega como a que deseñou Bóveda, e un réxime fiscal e financeiro que nos permita ter a chave dos nosos cartos”, afirmou, e engadiu parafraseando a Castelao: “A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila”.
Pontón cualificou o primeiro presidente de Galiza como “nacionalista íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego”. É po iso que “a maior homenaxe que lle podemos render a Castelao neste ano é seguir as súa consigna: Converter os anceios en realidades e os ideais en feitos. Porque non hai nada máis revolucionario que gobernar nós a nosa Terra”, proclamou.
A portavoz nacional rematou a súa intervención convocando a sociedade galega a participar nunha gran mobilización arredor da súa vida e obra, unha celebración por todo o alto nas escolas, nos concellos, nas organizacións culturais e veciñais, e desde logo, nas institucións, “que lle deben todo e non poden traizoar o seu legado”, afirmou. Aproveitou ademais para reivindicar que este Ano Castelao “ten que servir para multiplicar a militancia, o traballo, a forza e o avance do BNG”, concluíu.