BNG denuncia á Xunta pola xestión do profesorado no CEIP Valle-Inclán de Oleiros

Iria Taibo
Iria Taibo
Iria Taibo sinala que os fondos europeos do Plan MEGA estanse a utilizar para cubrir necesidades estruturais, deixando sen atención reforzada ao alumnado máis vulnerable

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, interpelou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sobre a dotación de profesorado do CEIP Valle-Inclán de Perillo (Oleiros) para o curso 2025-2026.

Taibo denunciou que a Consellería eliminou o desdobramento de terceiro e sexto de primaria, unha medida que a comunidade educativa rexeitou. Como alternativa, foron enviados dous profesores a través do Plan MEGA, un programa financiado con fondos europeos destinado a reforzos educativos. Porén, estes profesores están a ser utilizados como titores de aulas adicionais, en lugar de atender ás necesidades de apoio específico para as que foron concibidos os fondos.

Esta práctica non só vulnera os obxectivos do Plan MEGA —como a personalización do apoio ou a inclusión educativa—, senón que deixa sen atención especializada ao alumnado máis vulnerable. Ademais, sinalou que a limitación de persoal está a afectar a proxectos didácticos como a Horta, a Robótica ou a Biblioteca, que quedaron reducidos ou eliminados por falta de recursos.

A ANPA do centro xa enviou un escrito á Dirección Territorial en setembro, sen obter resposta. Taibo exixiu á Consellería que reciba aos representantes da comunidade educativa, escoite as súas demandas e explique cal é o seu plan para o centro.

“Se vostedes utilizasen fondos propios para contratar o profesorado estrutural, poderían usar os fondos europeos para o reforzo que realmente precisa o centro”, afirmou a deputada, quen cualificou a situación de “arbitraria” e denunciou que a Consellería parece desatender ás necesidades reais.

A intervención de Taibo puxo de relevo a preocupación xeneralizada na comunidade educativa, que convocou mobilizacións para reclamar melloras na calidade do ensino e a reposición do profesorado faltante.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG