BNG denuncia a vulneración de dereitos fundamentais coa prohibición de manifestación da CIG na Toxa

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego reclama ao Goberno que rectifique e pon o foco na diferente vara de medir que utiliza ao permitir unha manifestación de nazis en Madrid mentres prohibe unha mobilización de traballadores e traballadoras galegas

BNG exixe ao Goberno do Estado que rectifique e retire a prohibición da manifestación convocada pola CIG para o venres 1 de outubro no Grove por tratarse dunha clara conculcación dos dereitos fundamentais adoptada mediante unha resolución arbitraria e sen a debida fundamentación. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera inadmisíbel que mentres o Goberno permite as manifestacións nazis e homófobas en Madrid, prohiba unha mobilización sindical convocada para denunciar as políticas económicas do goberno e a súa submisión aos intereses empresariais.  Así mesmo, recrimina a deturpación do topónimo da illa da Toxa na denominación do evento e reclama a súa corrección.

O pasado 20 de setembro, a Confederación Intersindical  Galega (CIG) comunicou á Subdelegación do Goberno en Pontevedra a convocatoria dunha manifestación prevista para o día 1 de outubro no Grove coincidindo co desenvolvemento na illa da Toxa da terceira e última xornada do denominado “Foro A Toja 2021”. Mais o 23 de setembro a Subdelegación comunicou a decisión de prohibir a manifestación alegando que “pode, con posibilidade razoable, resultar afectado a orde pública pola súa posible incidencia na seguridade de persoas e bens”.

“Esta decisión carece de fundamento legal e supón a vulneración do dereito fundamental de reunión e manifestación. Este dereito non se somete a autorización, só debe comunicarse, cabendo unicamente a prohibición cando existan perigo evidente para integridade de persoas ou bens” explica o deputado do BNG. Non pode alegarse polo tanto calquera afectación á orde pública, é necesario que exista risco físico para as persoas ou de producirse danos materiais nos bens.

As autoridades, polo tanto, “deben motivar suficientemente a súa resolución especificando cales son os riscos físicos que levan a estimar necesaria a prohibición, sen que unha posíbel alteración da orde pública, como a que se deriva dos cortes de circulación e tráfico sexan suficientes para iso. A falta dese risco extremo, a autoridade  gobernativa non pode interferir, é máis, debe garantir o pleno desenvolvemento e protexer o dereito de manifestación cidadá.

Como argumento base, na súa resolución, a Subdelegación do Goberno limítase a  subscribir o fixado nos informes da Policía Local do Grove e a Garda Civil, que indican que o percorrido da manifestación afectaría o tránsito pola ponte que dá acceso á illa da Toxa mentres se celebra nese lugar o“Congreso-Foro Atlántico”. Por tanto, a prohibición da manifestación radica nas características xeográficas propias do lugar onde pretende celebrarse, pois trátase dunha illa cun único punto de acceso por vía terrestre. “Esta circunstancia non pode servir para dicir que existe risco para a integridade física das persoas ou bens, que é o único fundamento constitucional para acordar a prohibición” subliña Rego.

Ademais “existen alternativas para permitir o tránsito e respectar o dereito de manifestación como a habilitación dun dos carrís para a marcha mentres se mantén a circulación no outro”. Tampouco se valorou a opción de fixar un protocolo de actuación co servizo de orde da manifestación para facilitar evacuacións ou outras actuacións de emerxencia, en colaboración co sindicato convocante.

“Resulta evidente que con esta decisión, o Goberno, a través da súa delegación na Galiza, considera prioritario o interese dos participantes nun evento organizado por unha empresa privada, en lugar de garantir o libre desenvolvemento dos dereitos fundamentais da cidadanía” enfatiza. “É inadmisíbel que o mesmo Goberno que fai unhas semanas permitía o desenvolvemento dunha manifestación de nazis polo centro de Madrid prohiba agora a convocatoria de mobilización das traballadoras e traballadores galegos na lexítima defensa dos seus dereitos” continúa Rego. “O dereito de manifestación e reunión é unha faceta máis da liberdade de expresión cidadá, pois garante a posibilidade de expresar publicamente ideas e reivindicacións” sinala.

Por último, o deputado nacionalista reclama o cumprimento da legalidade e exixa ao Goberno que actúe para lograr o respecto da forma oficial dos topónimos na Galiza, a galega. Resulta intolerábel que o Presidente do Goberno participe nun evento que emprega unha forma deturpada apoiando así implicitamente a súa utilización.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG