O deputado do BNG, Iago Tabarés acusou o PP de degradar o Parlamento ao limitar ilexitimamente o labor de control ao Goberno e de vulnerar “conscientemente” os dereitos fundamentais de participación política da cidadanía galega e “cuxa observancia demanda noutras latidudes”, subliñou.
Na súa intervención na Comisión 1ª, Tabarés lembrou a recente sentenza do Tribunal Supremo, do 8 de maio de 2025, que recoñeceu que a negativa do Goberno español a entregar documentación solicitada vulneraba o dereito fundamental á participación política do artigo 23 da Constitución. “O curioso”, sinalou, “é que quen promoveu ese recurso foi unha senadora do PP, mais aquí en Galiza o mesmo partido actúa xusto ao contrario, negando sistematicamente información e documentación aos grupos parlamentarios”. “Os dereitos das e dos cidadáns galegos son menores ca os dos españois?”, preguntou.
“O Partido Popular sabe perfectamente que a información é un dereito fundamental, porque o defende nos tribunais cando lle convén. O grave é que llo nega aos galegos e galegas, vulnerando conscientemente o seu dereito a participar nos asuntos públicos”, denunciou Tabarés.
Entre as vulneracións denunciadas polo BNG figuran a imposición unilateral da orde do día e a limitación ilexítima das iniciativas de control nas comisións. “No que levamos de ano, en todas as comisións nas que se poderían substanciar inicitativas de control apareceron fundamentalmente comparecencias que o Grupo Popular aproveitou para modular á baixa as posibilidades de control do goberno” xa que -matizou- nunca atenderon ao solicitado polos grupos da oposición, senón que se reduciron a “meras reproducións de notas de prensa sobre temas totalmente alleos ás materias das propias comisións”.
O deputado nacionalista alertou ademais sobre a negativa do PP a permitir visitas parlamentarias a centros de menores en Ourense, malia estar rexistradas solicitudes para avaliar as instalacións e programas.
Tamén destacou que o Goberno do PP na Xunta non remitiu a documentación -solicitada ao abeiro do artigo 9- sobre ningún dos expedientes de contratación relacionados con empresas nas que teñen relación familiares de altos cargos do PP. “Xa impedira a investigación na Comisión creada polo BNG e agora, e desde case un ano, segue pendente de remitir a documentación solicitada polo Parlamento a instancias do BNG” (ningún expediente sobre os contratos adxudicados con Eulen, Mape Asesores, Sibucu 360, Monoff, Sismédica, S.L, Dos Espacios Internet Consulting ou Alwork Vestuario Laboral, SL).
Segundo afirmou Tabarés, tampouco se remitiu documentación sobre portas xiratorias da exdirectora da Axencia Galega de Innovación Tecnolóxica ou sobre os eventos financiados con fondos públicos, ningunha factura nin expedientes de contratacións do acto do PP na cidade da cultura polo aniversario da toma de posesión de Alfonso Rueda.
O deputado nacionalista referiuse ademais ao silencio da Xunta en materias sensibles como a xustiza gratuíta ou a creación de novas unidades xudiciais, cuestións nas que a resposta se limita a “un corta e peqa con contestacións estereotipadas que nada teñen que ver coa pregunta e mesmo con varias respostas idénticas sobre temas que nada tiñan que ver co que se preguntaba”, criticou.
Falta de transparencia e información na xestión dos lumes
Iago Tabarés denunciou a falta de transparencia e de información por parte da Xunta na xestión dos lumes. Un exemplo que vén denunciando o BNG é a diferenza no número de hectáreas queimadas: 160 segundo as medicións do Satélite Copernicus, que a Xunta reduciu a 100.000.
Aludiu ademais á falta de resposta a preguntas realizadas no ano 2022 sobre o número de incendiarios condenados, ou de procedementos nos que a Xunta se personou para perseguir a sospeitosos. “Teñan seguro que insistiremos, máxime ante as intolerables manifestacións da presidenta do PP no Barco de Valdeorras, que sinalaba a brigadistas como incendiarios”, asegurou.
“A explicación non é o silencio, é o cese, que xa está tardando”, sentenciou.