parlamento galego

BNG denuncia o trato de favor do PP ás eléctricas

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez lembrou que os rañeiros  da ría de Arousa e  mariscadoras e mariscadores de Noia permanecen en paro biolóxico, medida que tamén están a solicitar en Arcade, Cesantes, Redondela, Vilaboa, Carril e a Illa de Arousa polas intensas choivas e baleirado dos encoros

Pediu elaborar un  regulamento de desaugamento dos encoros pensando no efecto negativo  para o marisqueo  e non  nos beneficios dos donos dos encoros

A deputada e portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez denunciou o “trato de favor do Partido popular”  ás empresas eléctricas por permitir a apertura de comportas en período de marisqueo e autorizar os vertidos tóxicos da mina de San Finx á ría de Muros- Noia.

A través dunha moción, a nacionalista criticou que a conselleira do Mar, Rosa Quintana persista en manter a falsidade de que a produtividade das rías galegas “mantén unha tendencia positiva”.  Pérez desmontou os datos da titular de Mar replicando  que no mes de xaneiro do 2023 “vendéronse en lonxa 263 Tn de ameixa e berberecho cando no 2017 foron 423 Tn”. No mes de xaneiro de  2020,  356 Tn e no ano  2021, en plena pandemia, 297 Tn. “Esta é a tendencia positiva para o Partido popular?” preguntou

Os datos, dixo , non se interpretan, “son unha realidade” por moito que o Partido popular pretenda disfrazalos e os datos, recalcou a nacionalista, constatan o que “están a padecer  as mariscadoras e mariscadores todos os días nas praias como consecuencia da incompetencia e da negación sistemática da Consellería do Mar dun problema grave e que existe dende hai anos”.

Se realmente “a situación das rías mellorou” por que están  en paro biolóxico os rañeiros do libre marisqueo da ría da Arousa? Por que o están os mariscadores e mariscadoras de Noia? Por que están a pedir un paro biolóxico as mariscadoras de Arcade,  Cesantes,  Redondela,  Vilaboa, Carril, a Illa de Arousa …? Por que cren vostedes que o piden, por deporte?. Non, pídeno porque nas praias non hai nada, e pídeno incluso sabendo que se lle vai denegar poder cobrar mentres estean en situación de paro biolóxico.

Por outro lado, a deputada do BNG criticou   que o  Partido Popular non recoñeza os inmensos danos provocados no marisco polas  “intensas choivas e baleirado dos encoros entre o mes de decembro e xaneiro deste ano”.

Apertura de comportas das eléctricas en período de marisqueo

A conselleira afirmou no último pleno que as comportas dos encoros ábrense cando está subindo a marea para evitar que se produzan os aportes de auga doce no momento da baixa mar e  “mentiu descaradamente unha vez máis” porque o  horario de traballo  das mariscadoras de Noia, o día 20 de decembro comezou antes das 6 da mañá, ata as 9,45hs e   “marisquéase nas secas, é dicir, coa baixa mar”, pero  ese día a Xunta, a través do 112, avisou da información que lle proporciona Naturgy e que di que a apertura das comportas do encoro do Tambre produciríase a partir das 5,15 da mañá,  “coa baixa mar e en pleno período de traballo”. Non só poñen en perigo os bancos marisqueiros senón tamén ás propias traballadoras do mar.

Dende o  BNG xa solicitamos  regular esa desfeita cun  regulamento de baleirado dos encoros e a súa resposta foi un Real Decreto de 1986 de dominio público hidráulico, estatal. É dicir, Galiza ten competencia exclusiva en materia hidráulica cando as augas discorren dentro do seu territorio, ten unha Lei de Augas dende o 2010, ten un decreto do 2015 que desenvolve a lei do 2010, e ten un decreto do ano 2020 sobre o réxime de autorizacións no dominio público hidráulico pero “o Partido Popular vén outra vez a intentar enganarnos cun Real Decreto  estatal do ano 86”.

“Elaboren ese regulamento, non so de desaugado, senón tamén de limpeza dos encoros, recollan sancións aos responsábeis no caso de incumprimentos e paguen indemnizacións ás mariscadoras e  confrarías, que son as que levan décadas sufrindo o seu desleixo e a súa total complicidade coas grandes eléctricas, remarcou a nacionalista.

A Xunta autoriza o vertido contaminante da mina de San Finx á ría de Muros-Noia

Ademais, Rosana Pérez sinalou que  conselleira  afirmou no último Pleno, a respecto  da resolución de Augas de Galiza de autorizar o vertido de 4 millóns de metros cúbicos  de auga contaminada de San Finx, que “non se está autorizando a mina, estase autorizando un sistema de depuración das augas que están nas balsas das minas”. A conselleira repetiu o que xa dixera aquí o vicepresidente Conde no Pleno anterior cando lle preguntou o BNG.

Pois ben, “a conselleira, o vicepresidente e todo o Goberno galego menten unha e outra vez ao afirmar que  que non se está autorizando a actividade mineira”.  Un extracto precisamente desa autorización de Augas de Galiza recolle no  “2.2. a fase de explotación do complexo. Os caudais máximos de vertidos de augas residuais industriais depuradas procedente das instalacións xeradas na fase de explotación do complexo mineiro, logo da finalización da fase de intensificación do baleirado das galerías, …”. En que quedamos, quen mente aquí?, Augas de Galiza, o Sr. Conde, a Sra. Quintana? O que está claro é que “o BNG le os papeis e o vicepresidente e a conselleira  terxiversan e intentan enganar para beneficiar sempre aos mesmos.

No caso  da conselleira do Mar resulta “moi grave” que siga xustificando  “un perigo real”  para a ría de Muros e Noia e para o traballo de miles de persoas nesa comarca. Como se pode manipular deste xeito? Volveu a preguntar a deputada do BNG.

Hai autorización para os vertidos residuais industriais co obxectivo de poñer de novo a mina en funcionamento e por iso reclamamos con esta moción  que “se avalíe o impacto que se podería producir no caso de non paralizarse a autorización de Augas de Galiza pero, sobre todo, pedimos que recoñezan nula de pleno esa autorización, porque non ten o preceptivo informe de avaliación ambiental”. Se non a paraliza o Goberno galego vaina paralizar a Xustiza porque así é como acaban moitos dos seus favores ás grandes empresas amigas do Partido Popular, advertiu a nacionalista.

Rosana Pérez lamentou que a portavoz  popular, Teresa Egerique persistira en defender que as rías galega manteñen a tendencia positiva e non minguaron a súa produción e que a moción nacionalista  fora rexeitada polo Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG