Parlamento Galego

BNG denuncia a situación insostible da residencia de Domus VI en Monforte, con usuarios amoreados e cheiros insoportables

Iago Suárez
Iago Suárez

Iago Suárez pídelle “compaixón” ao Goberno do PP para garantir unhas condicións dignas tanto para xs residentes como para o cadro de persoal

“As traballadoras describen unha situación insoportable, cos nosos maiores comendo alí patacas cocidas con natillas”, advirte

O deputado do BNG Iago Suárez denunciou no Parlamento a situación insostible que se está a vivir na residencia de maiores Domus VI de Monforte, coas persoas usuarias amoreadas “comendo patacas con natillas” e cheiros insoportables a feces e ouriños, segundo relatan as propias traballadoras do centro.

“Estamos falando da vida das nosas persoas maiores. A Xunta ten que actuar”, clamou o deputado nacionalista, chegando a pedirlle “compaixón” ás responsables de Política Social para que actúen de maneira urxente e garantan unha atención digna tanto ás persoas usuarias desta residencia como ao seu cadro de persoal, que se ve desbordado con quendas de tan só tres persoas pola noite para atender a 180 usuarios.

Segundo Suárez, o da residencia Domus Vi é outro “caso Amoeiro”, en relación á vivenda comunitaria que a Xunta pechou recentemente tras destaparse grazas a unha denuncia de carácter laboral as condicións indignas nas que vivían os maiores alí residentes, que tiveron que se desaloxados e trasladados a outra centro.

Na súa intervención na Comisión de Sanidade, o deputado da comarca leu as palabras textuais utilizadas por persoas que entraron de urxencia pola noite hai uns días na residencia de Monforte: “Entramos por volta das tres da mañá para atender unha urxencia; o cheiro a ouriños e a feces era insoportable, non sabemos se porque non se recolleran os cueiros... Había un residente con brotes de sarna que se puxo moi agresivo e que ameazaba ás profesionais que non podían facer nada para se defender. Este home, polo visto compartía cuarto con outra persoa, así que imaxina a situación”.

Segundo o relato destas persoas, “as profesionais só podían chorar ante a falta de capacidade; só eran tres para atender a 180 persoas e aínda por riba coa que se montou. A saber cantas veces máis ten pasado isto”.

Iago Suárez destacou na súa intervención a responsabilidade que ten o Goberno galego para garantir condicións dignas non só nas residencias públicas, senón tamén nas privadas que, precisou, reciben “millonadas” de diñeiro público. “A Xunta é responsable porque é quen regula os rateos de persoal a través dunha orde de 1996”, lembrou o deputado, que explicou que na Domus VI de Monforte traballan 18 profesionais de mañá e 14 de tarde, sendo pola noite tres coidadoras máis unha profesional de enfermería. “Claramente non chegan”,  apuntou.

Tras preguntarse cando foi a última inspección na residencia de Monforte, Iago Suárez emprazou á Consellería de Política Social a “non seguir de brazos cruzados e a actuar xa”, máxime tendo en conta o sucedido en Amoeiro. “Cun goberno normal, o que alí pasou suporía polo menos a dimisión da conselleira. A un goberno tenlle que caer a cara de vergoña ao ver algo así”, remachou, engadindo que “se do BNG dependese, xuntariamos Roma con Santiago para solucionar o que alí pasa, que hai quen cualifica de inhumano”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG