O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, preguntou en sesión plenaria pola desatención das reiteradas demandas do persoal da residencia de maiores de Caranza no Concello de Ferrol. O deputado nacionalista denunciou a “insostíbel” situación que se vive nesta residencia de maiores, xestionada directamente pola Xunta de Galiza.
O centro padece múltiples problemas estruturais e organizativos que afectan tanto ao persoal como ás persoas usuarias, sen que a Consellería de Política Social tome medidas efectivas. “A residencia de Caranza arrastra graves deficiencias por falta de reformas en profundidade e por unha xestión de persoal caótica”, afirmou Fernández. Apoiándose na avaliación de riscos psicosociais do propio centro, o deputado sinalou unha sobrecarga constante de traballo, comunicación deficiente, cambios arbitrarios de funcións e falta de apoio por parte da dirección. “Isto crea un ambiente laboral tóxico que afecta á saúde das traballadoras”, apuntou.
A situación agravouse coa apertura de 21 expedientes disciplinarios entre 2024 e o que vai de 2025, unha cifra que cualificou de “persecución evidente” ao persoal que protesta. “Estamos falando de expedientes abertos a profesionais con trinta anos de experiencia e follas de servizo impecábeis, moitos deles tras mobilizacións sindicais”, denunciou.
Fernández subliñou que, mentres noutros centros da provincia se abriron 3 expedientes nese mesmo período, só en Caranza se tramitaron 21 para un cadro de persoal de 120 persoas. “E todo isto co coñecemento e aprobación dos servizos centrais da Consellería”, engadiu.
Ademais, alertou sobre a insuficiencia de prazas públicas na comarca: “No conxunto de Ferrol, Eume e Ortegal hai 54.000 persoas maiores de 65 anos, pero só 241 prazas públicas en residencias. Un 2,47% fronte ao 4% recomendado e por debaixo da media galega e estatal”.
Para o BNG, esta situación require unha resposta urxente por parte do Goberno galego. Mon Fernández exixiu á conselleira de Política Social que “pida desculpas ao persoal, retire de inmediato os expedientes e cese á directora do centro”. “Colóquese, polo menos unha vez, do lado das que coidan”, concluíu.