A deputada pola comarca e portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira, denunciou no Parlamento as “condicións indignas” que sofren pacientes e profesionais da Atención Primaria no Concello de Teo, tanto polas “situación dantesca” na que se atopan os centros de saúde como polas listas de espera que se rexistran, de case vinte días a día de hoxe nos centros de Cacheiras ou os Tilos.
A deputada nacionalista incidiu no mal estado no que se atopan os centros de saúde e advertiu da situación de inseguridade para profesionais e pacientes que teñen que ser atendidos nas casetas de obra, ás que se accede mediante andamios, instaladas na parte traseira do centro de saúde de Cacheiras.
Segundo explicou, estas casetas de obra foron a “solución estilo art-attack” ideada pola Consellería de Sanidade para atender en Cacheiras, que carece de espazo suficiente, á veciñanza de Pontevea derivada tras pechar o seu centro, que hoxe está “a ceo aberto”, polo deterioro das instalacións. “As condicións son indignas e inseguras”, advertiu Carreira, subliñando neste punto que xa foron notificados accidentes laborais polas malas condicións.
“Agora que están tan preocupados pola seguridade no traballo, os accidentes e as baixas laborais, vostedes actúan poñendo en perigo diariamente a profesionais e pacientes”, ironizou.
Coa mesma retranca, subliñou que “nin en Galiza nin en Teo a choiva é unha rareza climática”, para denunciar que, “cando chove, andar polos andamios non é seguro. Tras escoitar a resposta do director xeral de Asistencia Sanitaria, considerou “moi ousado dicir que “unha persoa que ten dificultades para andar, que se desprace con bastón, con un andador ou con axuda de outra persoa poda facelo con seguridade por uns andamios”.
A deputada do BNG reclamou ao representante da Consellería de Sanidade solucións e que axilice a construción centro de saúde proxectado na Ramallosa e ao que o director xeral non quixo poñer data de finalización. Carreira reclamou máis ambición no deseño e construción deste novo centro e reclamou que sexa dotado das especialidades de nutrición, psicoloxía e fisioterapia.
Sobre o estado actual dos centros de saúde de Teo, Carreira reprobou ao director xeral que a Consellería eluda as súas responsabilidades sobre o mantemento e lembrou que a Xunta asinou no 2008 un acordo coa Fegamp para asumir a titularidade destas instalacións. “Por que non cumpre o Goberno do PP co acordado cos concellos?”, preguntou.
Carreira lamentou que o deterioro na atención primaria que sofre a veciñanza de Teo non é un caso illado no País, que sofre as consecuencias de 17 anos de políticas sanitarias do PP, cun recorte acumulado en Atención Primaria de1.656 millóns de euros en Atención Primaria.
“Temos a dubidosa honra de encabezar o ranking de comunidades que menos invisten en Atención Primaria, so superadas por Madrid”, destacou, para aludir ao “déficit de persoal” que, tal e como reflicte o informe do Consello de Contas e o BNG leva denunciando desde hai anos, fai que haxa 120 concellos sen pediatra ou que as vacantes acaden o 24 % das prazas de medicina de familia, o 37 % de pediatría, o 26 % de enfermería, o 63 % de matronas ou o 41 % de fisioterapia.