BNG denuncia a represión do Estado ante as mobilizacións convocadas na Illa da Toxa

Mobilización da Mesa
Mobilización da Mesa

Rego recrimina a dobre vara de medir do Goberno español, que permite manifestacións de nazis en Madrid e impide a mobilizacións de traballadores e traballadoras galegas convocadas pola CIG

A formación nacionalista mostra a repulsa ante as agresións, por parte da Garda Civil, a persoas que participaban nunha concentración convocada pola Mesa na xornada de onte

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, critica a actitude represora do Goberno do Estado por non autorizar a mobilización convocada pola Confederación Intersindical Galega para esta sexta feira na Toxa. Rego denuncia a dobre vara de medir do executivo español por permitir unha manifestación nazi no centro de Madrid en canto que intenta disolver unha concentración autorizada convocada pola Mesa defendendo a legalidade lingüística e prohibe a mobilización da CIG.

Rego criticou, durante a sesión plenaria na cámara baixa, a decisión da Delegación do Goberno do Estado na Galiza de prohibir a concentración convocada pola Confederación Intersindical Galega. Esta mobilización tiña como obxecto “protestar polas receitas neoliberais dese Foro”.  Neste sentido, o deputado vén de rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer os motivos desta decisión, e mesmo as razóns da mudanza de criterio posto que o ano anterior a Delegación permitiu unha concentración similar.

“En relación coa sentenza do TSXG, queremos saber se se investigará a utilización e defensa de información falsa, por parte da Subdelegación do Goberno e a Avogacía do Estado no proceso xudicial. Empregaron argumentos falsos para defenderen a súa decisión de prohibir a concentración. Polas informacións que teño, nunca se ofreceu á CIG un percorrido diferente. A Subdelegación nunca propuxo unha alternativa” explica o deputado do BNG.

Por outra banda, Rego non comprende como o Goberno do Estado prohibe unha mobilización convocada pola central sindical maioritaria da Galiza e, en contraposición, permite concentracións da ultradereita. “É lamentábel que se poña a alfombra a manifestacións de nazis españois por Madrid con proclamas racistas e homófobas e que se prohiban concentracións de traballadores e traballadoras galegas para protestar frente a un aquelarre neoliberal” recriminou Néstor Rego desde a tribuna do Congreso.

Disolver unha mobilización legal

O deputado do BNG tamén denunciou a actuación da Garda Civil onte nunha manifestación convocada pola Mesa Pola Normalización Lingüística en defensa do topónimo legal A Toxa, tentando de disolvela. “Unha manifestación legal, comunicada, que defendía a legalidade lingüística. Defendía que esa illa se chama A Toxa, non La Toja, A Toxa.” enfatiza.

Neste sentido, na iniciativa rexistrada, reclama ao Goberno que investigue as actuacións da Garda Civil e as ordes emitidas por parte da Subdelegación e mesmo que se expliquen os motivos polos que a Garda Civil realizou identificacións arbitrarias a algún dos participantes. “Foi unha actitude violenta, abusiva, agresiva e inxustificada a que mantivo o Goberno do Estado na xornada de onte” conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG