BNG denuncia que a Xunta substitúe perfís profesionais por membros da patronal inmobiliaria na xunta consultiva de urbanismo

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández critica ao PP que se escude na representación social cando só incorpora ao sector empresarial e exclúe ao resto, incluídas as universidades

O BNG denunciou no Parlamento galego que a Xunta decidiu prescindir de perfís profesionais con reputada experiencia para incorporar a representantes da patronal na Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, entidade coa que o Executivo galego substitúe á Comisión Superior de Urbanismo de Galiza como órgano consultivo en materia de planificación territorial e urbanística.

Nunha pregunta parlamentaria, a portavoz nacionalista de Ordenación do Territorio, Alexandra Fernández, cualificou a decisión de “escándalo” xa que supón a eliminación neste órgano consultivo dos catro vogais de libre designación reservados para persoas de acreditada experiencia nestas materias, mentres reserva dous novos asentos para dous vogais que representan ás organizacións empresariais de sectores especialmente relacionados con este ámbito de actuación e que, segundo confirmou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo na súa resposta, recaerán nas patronais inmobiliarias da Coruña e Lugo.

“Colocar a determinados axentes privados a interpretar as leis públicas que afectan aos seus intereses privados; outra puñalada do Goberno do PP á función pública e ao interese colectivo, que é a xénese da propia idea do urbanismo e da planificación territorial”, resumiu con severidade Fernández, quen cuestionou con asombro á directora xeral “como é posible que vostedes non vexan o conflito de intereses?”.

A deputada do Bloque desmontou os argumentos ofrecidos pola directora xeral, quen se escudou na incorporación á Xunta Consultiva dunha representación da sociedade, ao lembrarlle, primeiro, que son precisamente estes sectores os que teñen máis canles e mecanismos para “facerse escoitar e permear as súas propostas na acción de goberno do PP” e, segundo, que o argumento cae por si solo cando esa representatividade social se limita ao sector empresarial e “exclúe ao resto da sociedade”.

“Que criterios empregaron para incluír á patronal e non, por exemplo, a entidades de acreditada reputación na protección do patrimonio, na defensa de cuestións relacionadas coa planificación territorial ou ás universidades, motor de creación de coñecemento nestas áreas?”, cuestionou, para concluír que o obxectivo do PP é darlle participación só á patronal, “incrementando a súa maior capacidade de participación” nas decisións que se tomen no ámbito da planificación territorial e urbanística, “en detrimento de todo o resto da sociedade”, o que, ao seu xuízo, demostra que o PP “non está velando pola función pública”.  

Contraposición de modelos

Fernández evidenciou as claras diferencias entre os modelos de planificación territorial e urbanismo de PP e BNG: “mentres vostedes rexeitan a profesionais e expertos, nós apostamos por darlles voz, potenciar o seu labor e difundir unha cultura urbanística que aposte polo benestar, pola calidade e vida e a función pública destas disciplinas”.

Neste sentido, exemplificou na Rede Ágora impulsada polo Bloque na Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que valoriza o espazo público como dereito fundamental da cidadanía e que tece a colaboración cos concellos para avanzar na calidade do urbanismo neste País, e que a través da denominada Facultade Ágora facilita formación a cargo de especialistas a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia e a profesionais sobre como se deben crear e reformular os deseños urbanos para aumentar a calidade de vida das persoas. En definitiva, reunir a expertos e expertas do País e de renome internacional para difundir boas prácticas.

“Mentres o PP expulsa dos órganos consultivos aos expertos de reputada experiencia, o BNG colócaos como motor de avance”, afirmou para engadir que o que o PP pretende é “que este País se pareza máis á planificación territorial que se aplicaba nas colonias americanas e nós miramos para a cultura urbanística europea e a cultura urbanística da planificación avanzada, en canto que mecanismo para mellorar o habitat colectivo no que vivimos”. “Como pode ser que administracións con menos recursos que a Xunta estean facendo o que vostedes non fan?”, recriminou a modo de conclusión.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG