A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, denunciou a grave situación que viven miles de familias galegas que agardan por unha vivenda protexida, denunciando a inacción e as “promesas baleiras” da Xunta de Galiza.
Segundo os datos achegados, existen 22.680 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda que non reciben resposta nin alternativas por parte da Administración autonómica. Delas, 19.000 familias –o 84% do total– precisan unha Vivenda de Promoción Pública, unhas cifras que contrastan coas apenas 40 VPP entregadas durante todo o ano 2023.
Fernández cualificou como “prácticamente imposible” conseguir unha vivenda a través deste rexistro e desmontou os anuncios da Xunta sobre ter 3.000 vivendas públicas en marcha, xa que “2.000 desas nin teñen licitado o contrato para a súa construción”. De feito, en tres anos, só se licitou a construción de 1.000 vivendas, que aínda non están rematadas.
Dende o BNG puxéronse sobre a mesa propostas para aumentar de forma rápida e significativa o parque público de vivenda. Unha delas pasa por exercer o dereito de adquisición preferente sobre as vivendas protexidas que se poñan á venda. Só nos próximos 5 anos, 14.000 vivendas protexidas perderán esa condición.
“Se a Xunta tivese comprado as vivendas protexidas vendidas dende 2010, tería incorporado 6.992 vivendas ao parque público, multiplicándoo por tres”, explicou a deputada. “Pero exerceron ese dereito cero veces”. Outra proposta do Bloque é ampliar este dereito a zonas con dificultades de acceso á vivenda, unha opción que contaría con financiamento estatal de ata o 85%.
Fernández tamén acusou á Xunta de “boicotear” a chegada de máis financiamento para os promotores de vivenda protexida ao negarse a declarar “mercados tensionados”. Esta declaración permitiría recibir 100 euros extra por metro cadrado en axudas estatais.
“O rexistro de demandantes está colapsado polas políticas do PP”, concluíu a deputada, quen asegurou que o goberno autonómico “pensa máis na propaganda para encubrir o desastre que en pór solucións” reais para as miles de familias á espera dun teito.