A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, denunciou este venres que o Goberno do PP deixou de investir no Plan de Saúde Mental 2020-2024 practicamente o 60 % da cantidade que prometeu, pois só se executaron 33,5 millóns de euros dos 83 anunciados na campaña electoral de 2020 e posteriormente cando se aprobou no Consello da Xunta e ata no Debate do Estado da Nación de outubro de 2021.
“Anunciaron 83 millóns por activa e por pasiva”, destacou Prado, que explicou que, segundo o último informe do Consello de Contas, que fiscaliza este plan, a memoria económica do mesmo xa só recollía 29, pero destes, gastáronse realmente 24,5 (4,5 M€ menos). A estes 24,5 millóns executados pódeselle sumar a cantidade prevista para a incorporación de novo persoal entre 2020 e 2024, en torno aos 9 millóns, co que o total ascendería a 33,5 M€.
Unha cifra que, segundo denunciou, quédase moi atrás respecto da necesaria para a atención á saúde mental en Galiza, que rexistra datos “dramáticos”, segundo constata tamén o informe do Consello de Contas. “O problema da saúde mental non son as estadísticas, senón as persoas que sofren”, subliñou Montse Prado, que acusou o Goberno do PP de “deixar tirados” a miles de galegos e galegas que teñen que agardar meses para recibir a atención psicolóxica que precisan, cos riscos que iso supón.
Montse Prado cualificou de “demoledora” a radiografía que ofrece sobre o plan de saúde mental o informe do órgano fiscalizador que, entre outras cuestións, pon de manifesto as desigualdades que persisten na accesibilidade ao servizos de saúde mental, “quedando abandonada as zonas máis rurais”, apuntou a deputada.
Segundo Contas non se lograron reducir as listas de agarda nin os tempos medios para acceder ás primeiras consultas de psiquiatría, pero isto é “especialmente grave” en Lugo e Ourense”. “En Lugo aumentaron as persoas en lista de espera un 174 % e en Ourense un 149 %”, subliñou a portavoz de Sanidade, que lembrou que as e os propios profesionais teñen denunciado que hai esperas de máis de un ano para unha primeira consulta.
Segundo os últimos datos publicados por Sanidade, en decembro do ano pasado había máis de nove mil galegos e galegas agardando por unha primeira consulta psiquiátrica. “Son persoas que non ven resoltos os seus problemas, ás que se lles poden cronificar a súa doenza”, afirmou Prado, para quen “temos un goberno que non se preocupa do sufrimento das persoas”.
Todo isto nun escenario no que, segundo recolle tamén Contas, non deixou de medrar o consumo de ansiolíticos e antidepresivos, especialmente no grupo de maiores de 75 anos, no grupo infanto xuvenil e nas mulleres . “Desde o 2020 hai un incremento de consumo de psicofármacos en todas as idades, pero é especialmente grave nos menores de 19 anos, entre os que aumentou un 52 %”, manifestou a deputada nacionalista, que tamén destacou o incremento do número de suicidios en Galiza nos últimos anos (un 12 % no 2020, un 15 % no 2021 e un 12 % no 2022).
Todos datos que recolle Contas no seu informe, no que se pon tamén de manifesto que a Consellería de Sanidade non logrou executar o investimento para incrementar o número de prazas hospitalarias xa que, explicou Prado, non se creou ningunha da previstas, 20 nas áreas sanitarias de Santiago e Vigo para o ano 2021 e 20 máis para Vigo no 2022.
É por iso que considerou que o cumprimento don nivel orzamentario do Plan de Saúde Mental é “unha auténtica burla” sobre a que o BNG pedirá explicacións no Parlamento de Galiza ao Goberno do PP, ao que emprazou a atender as recomendacións de Contas, que coinciden, precisou, coas que o grupo nacionalista vén reclamando desde hai tempo. Recomendacións como a dotación de psicólogos clínicos nos centros de Atención Primaria, unha maior coordinación entre Atención Primaria e Hospitalaria ou o traballo conxunto para mellorar a atención á saúde mental entre Sanidade, Educación e Política Social.