A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, denunciou o infrafinanciamento crónico do Servizo de Atención á Familia (SAF) por parte da Xunta de Galiza e do Estado español. Segundo a deputada nacionalista, esta falta de investimento "ademais de asfixiar economicamente os concellos, afonda na precariedade laboral das traballadoras e agrava os problemas estruturais do servizo".
Rodil desmontou a proposta de financiamento presentada, que prevé chegar aos 18 euros por hora en 2028. "Non cubre o custo real do servizo, que en moitos municipios supera os 23 euros a hora ordinaria e os 25 a extraordinaria", afirmou. Para ilustralo, deu exemplos concretos: no Porriño o prezo é de 23,79 euros/hora, en Láncara de 24 euros e en Vila de Cruces de 23,31 euros a hora ordinaria, que se elevan a 26,81 euros nos domingos e festivos. "Que a Xunta e o Estado vaian pagar 18 euros á hora dentro de dous anos é case un insulto tendo en conta o que di a Lei de Dependencia", aseverou, recordando que a normativa exixe que o financiamento sexa asumido ao 100% polos gobernos galego e español.
A deputada do BNG destacou que este déficit de investimento perpetúa os problemas estruturais do SAF, manténdoo "ao borde do colapso". Entre eles, sinalou as "listas de agarda inadmisibles con milleiros de persoas por toda Galiza" e unha precariedade laboral "insoportable". "As traballadoras do SAF levan anos reclamando un novo convenio colectivo que mellore as súas condicións de traballo e incremente os seus salarios, actualmente por baixo do mínimo interprofesional", explicou Rodil, ligando directamente esta situación á falta de fondos.
O punto máis grave da súa intervención estivo relacionado coa seguridade das empregadas. Rodil lembrou o asasinato da traballadora Teresa de Jesús no Porriño o pasado mes de xullo, mentres atendía unha muller dependente. "Teresa puxera en coñecemento tanto da empresa como do concello o que estaba a vivir", recordou, e tras o suceso "todas as administracións, entre elas a Xunta, comprometéronse a adoptar protocolos de prevención". Ante esta promesa, preguntou: "Como se van garantir as medidas de seguridade necesarias no SAF con este financiamento? É evidente que ao goberno do PP na Xunta non lle preocupa o máis mínimo a situación que viven as traballadoras do SAF".
En conclusión, Olalla Rodil reiterou a postura do BNG: "O financiamento do SAF ten que ser asumido pola Xunta e o Estado tal e como determina a lei e debe axustarse ao custo real do servizo". Unha reivindicación que o bloque nacionalista mantén como única solución para garantir a viabilidade do servizo, a dignidade laboral das profesionais e o dereito á atención das persoas dependentes.