BNG denuncia que o Goberno do Estado ocultou un informe da UE sobre a seguranza ferroviaria tras o accidente de Angrois

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego recrimina a ocultación deliberada por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da existencia dun informe da Comisión Europea, a raíz do accidente do Alvia, en que se cuestionaba a seguridade ferroviaria no Estado español.

“Ese informe debe ser feito público e entregado ao órgano xudicial que coñece do accidente de Angrois, non pode quedar oculto nun despacho” defende Rego “o BNG vai reclamar que se facilite copia desa documentación”.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a ocultación dos informes realizados pola Unión Europea sobre a seguranza ferroviaria do Estado español. Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, é escandaloso que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana –con Ábalos e logo con Sánchez á frente- ocultasen este informe en lugar de axudas ás vítimas e familiares do accidente de Angrois, a esclarecer os feitos e obter xustiza e reparación. A frentenacionalista avanza o rexistro de novas iniciativas na cámara baixa para obter o informe realizado pola UE e lograr transparencia e exixir que se depuren responsabilidades.

O anterior Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ábalos, sorprendía onte coas súas declaraciónsnunha canle de televisión do Estado español nas que recoñecía que negociou para ocultar a existencia dun informe da Comisión Europea, cualificando de “demoledor” o documento e que a esencia do texto viña a asegurar que o sistema ferroviario español “era inseguro para viaxar”.

En numerosas ocasións, a frente nacionalista ten solicitado información ao Goberno do Estado sobre a situación da seguranza ferroviaria do Estado mais, en ningunha delas, o Ministerio ten aportado este informe nin tampouco o ten citado. “Ese informe debería ser remitido aos grupos que solicitamos información sobre a seguranza viaria no Estado español e, tamén, no xulgado para que forme parte das probas no caso do accidente de Angrois, non oculto nun despacho” recrimina o deputado do BNG. Neste sentido, anuncia o rexistro de iniciativas, e a solicitude de informe ao Ministerio ao igual que fixo a Plataforma das vítimas.

“É escandaloso que, en lugar de axudar e colaborar coas familias e vítimas do accidente de Angrois a esclarecer os feitos acontecidos en 2013, o Ministerio –tanto con Ábalosá frente como coa Ministra Sánchez- ocultaran este informe sobre a seguranza ferroviario emitido precisamente con motivo do accidente do Alvia” denuncia Rego. Coas declaracións do ex-ministro Álbalos, prosegue o deputado do BNG, estase dando a entender que, nos seus anos á frente da carteira de Transportes, 2018-2021, esclarecer a verdade sobre o sucedido no accidente do Alvia en Angrois e depurar responsabilidades “nunca estivo entre as súas prioridades”, todo o contrario, procedeu a manobrar e negociar con Bruxelas para ocultar ese procedemento aberto ao Estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG