A deputada do Deza, Ariadna Fernández, presentou na Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego unha proposición non de lei para reclamar a incorporación urxente de pediatras no Centro de Saúde de Lalín. A proposta buscaba garantir a atención médica especializada para os máis de 2.200 nenos e nenas do concello e da comarca do Deza, que actualmente sofren graves deficiencias no servizo.
Ariadna Fernández alertou de que a situación, lonxe de mellorar, empeorou nos últimos meses, deixando ao concello sen servizo de tarde e cunha atención de mañá "insuficiente e precaria". Ademais, a ausencia de servizo en Lalín, afecta directamente a concellos veciños como Agolada, Dozón e Rodeiro, onde as familias se ven obrigadas a desprazarse ata 70 quilómetros para recibir atención no CHUS.
A deputada nacionalista explicou que, actualmente, só dous pediatras atenden a máis de 2.200 menores en Lalín e a súa área de influencia, cando o recomendable sería un profesional por cada 1.000 nenos. "Isto non é unha queixa, é unha emerxencia sanitaria", destacou. "Hai nenos que levan meses sen ter un pediatra fixo, consultas que se demoran unha semana e familias que, directamente, teñen que ir a Santiago ou á sanidade privada porque aquí non hai atención digna".
A deputada do BNG lembrou que, dende novembro de 2023, a administración galega recoñece que non está a cubrir as prazas, pero non ofrece solucións. "Levan 7 meses dicindo que non atopan pediatras, pero non explican por que a sanidade privada si os ten. É unha falta de vontade política", denunciou.
Fernández cuestionou que se presentase o novo Centro de Saúde de Lalín como un avance cando, na práctica, "sen persoal, as instalacións non valen para nada". "Hai nenos que están a crecer sen atención pediátrica continuada, e iso é inaceptable nun país que se di moderno", insistiu.
A proposición non de lei do BNG para garantir a atención pediátrica en Lalín, así como a incorporación inmediata de máis pediatras non saíu adiante cos votos en contra do PP. "Non podemos permitir que a Galiza rural siga sendo cidadanía de segunda", conluíu Fernández. "Se a Xunta non actúa, estará a asumir que os nenos de Lalín e do Deza non merecen a mesma sanidade que os das cidades. E iso non o podemos consentir".