A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández, denuncia os plans do Goberno Rueda para impoñer unha “mordaza” nos centros de ensino do País, intentando controlar as actividades que se realizan nas aulas baixo unha pretendida “neutralidade ideolóxica”, tal e como asegurou este mércores o conselleiro Román Rodríguez.
“O que de verdade quere o Executivo do PP é impoñer unha mordaza o ensino, intentando controlar as actividades que son organizadas dentro dos centros educativos”. Trátase, segundo a deputada nacionalista, dunha ”nova demostración antidemocrática e caciquil que intenta neutralizar as críticas ante as políticas nefastas e prexudiciais que está levando a cabo o PP para a cidadanía galega”.
“Non é casualidade que este anuncio se faga despois de que o alumnado manifeste a súa disconformidade coa imposición de Altri—como sucedeu coa edición do Artelixo en Redondela— co xenocidio do pobo palestino ou coa situación do ensino galego no ensino e no País”, cuestións nas que o PP no Goberno da Xunta está a facer “políticas regresivas e prexudiciais para as galegas e galegos”, apunta.
Asegura ademais que, o anuncio do conselleiro é un indicio máis do sometemento do Goberno de Rueda ás directrices que marca Génova e aos intereses electorais de Feijóo, cada vez máis cerca dos postulados da extrema dereita.
Cristina Fernández denuncia, por outra parte, que os novos plans do Executivo galego para o vindeiro curso poñen aos centros educativos nunha situación “incómoda e basicamente imposible”, ao ter que adiantar a comezos de curso todas as actividades que van realizar durante os trimestres do ano escolar, co único fin—criticou—de que a administración educativa “pase o rodete da censura”.
Ademais, até o de agora era o Consello Escolar de cada centro o que daba o seu visto e prace ás actividades que organizaba cada departamento. Deste xeito, este órgano “será esquilmado dunha parte das súas funcións e decisións”, puntualiza.
“Desde o BNG non podemos máis que rexeitar este tipo de medidas antidemocráticas e continuístas do posicionamento radical que está a demostrar o PP en todos os órganos de representación popular, como estamos afeitas a sufrir no Parlamento”, manifesta.
Cristina Fernández recalca que o Bloque sempre vai estar do lado dun ensino “que forme o alumnado en pensamento crítico, en valores e debate democrático, que sexa libre para manifestar as súas opinións con argumentos e respecto ao resto dos compañeiros e compañeiras e gozar dunha aprendizaxe integral entre os coñecementos e a situación social, económica, cultural e política que os envolve en cada momento. Só así podemos ter unha sociedade plural, ben informada, crítica, solidaria, xusta, inclusiva e mellor para o futuro do noso País”, conclúe.