Parlamento Galego

BNG denuncia o ‘plan pantasma’ da Xunta para o Sur Oriente Ourensán e urxe medidas para o seu desenvolvemento

Secundino Fernández
Secundino Fernández
Secundino Fernández acusa o PP de facer só propaganda e censura o seu desprezo á veciñanza dun territorio especialmente danado polos incendios

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, reclamou o PP a posta en marcha de medidas urxentes para o desenvolvemento do Sur Oriental de Ourense, unha das zonas do País que máis sofre os efectos dos incendios de maneira recorrente e onde a vaga deste verán arrasou 37.000 hectáreas, o 30 % do seu territorio.

“A situación orixinada por esta vaga de lumes mostra perfectamente o grao de indiferenza dos dirixentes do PP na Xunta”, unha “desidia” e un “desprezo” cara á veciñanza deste territorio que se arrastra desde hai anos, denunciou o deputado nacionalista durante unha intervención parlamentaria na que acusou o Executivo de Rueda de limitarse á “propaganda” no que afecta ao desenvolvemento deste territorio.

Secundino Fernández referiuse en concreto ao “plan pantasma” no que o PP converteu o Plan Integral para a Recuperación, Dinamización e Valorización Integral da área Su-Oriental de Ourense, unha iniciativa “cun gran nome” da que só se chegou a publicar un “avance” elaborado pola Fundación Juana de Vega no ano 2022, cando “se perdeu a pista do fastuoso programa”.

Subliñou, neste punto, que o obxecto fundamental deste plan era precisamente aumentar a resiliencia fronte aos incendios forestais a través dunha planificación e xestión territorial integrada, poñendo o foco na xestión da paisaxe como mecanismo de prevención e impulsando un desenvolvemento sostible do territorio. Os seus obxectivos eran, engadiu, xerar actividade económica para fixar poboación, fomentar a recuperación do territorio e incrementar a resiliencia fronte ao lume.

 “Un gran obxecto cuns obxectivos con verbas rimbombates e grandilocuentes” que quedou en papel mollado: “Pura propaganda”, incidiu Fernández, que criticou a negativa do Executivo do PP a render contas deste plan, que permanece “escondido e a bo recado” e en cuxo avance xa se advertía dos efectos do lume nesta zona en setembro de 2020, cando se queimaron 10.000 hectáreas.

Co plan sen executar, pasaron os anos e no verán deste ano “só no incendio de Oimbra arderon tres veces máis”, lamentou o portavoz de Medio Rural do Bloque, que lamentou que aos deputados do PP “non lles importan as mulleres e homes que viven nesta área que abrangue desde Cualedro á Mezquita”.

O PP votou en contra da iniciativa do BNG para elaborar de xeito urxente unha valoración do desenvolvemento do “suposto plan” e a súa relación coa vaga de lumes forestais no 2025, así como para presentar, tamén de xeito urxente, os plans e medidas que pretende facer a Xunta de Galiza para desenvolver esta zona do oriente ourensán.

Secundino Fernández lembrou, ao respecto, a aposta do BNG por un cambio de modelo no rural “que impida seguir con esta dinámica suicida” , unha aposta plasmada no Plan da Cinza á Vida, que inclúe 50 medidas para avanzar cara un rural “vivo e produtivo” e  procura chegar a un gran acordo de País contra os lumes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG