O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, pronunciouse hoxe contra a decisión do goberno de pechar o Mestrado en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, unha medida que cualificou como "un erro clamoroso e sen ningún tipo de sentido". Castro destacou que esta acción non ten xustificación nin administrativa, nin científica, nin de investigación, e supón unha afronta ao sistema público universitario galego.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista subliñou a contradición que supón recortar formación esencial mentres se anuncian investimentos millonarios para captar investigadores externos. "Mentres vostedes gastan 35 millóns de euros en atraer talento, están a cortar as vías de formación para os investigadores que xa están aquí", denunciou. Ademais, recordou que Galiza é a cuarta comunidade con maior fuga de talento universitario, un problema que esta medida só agravará.
Castro puxo en valor a unidade do sector universitario, investigador, estudantil e político en defensa do mestrado, con máis de 5.000 sinaturas recollidas en poucos días. Entre os colectivos que se manifestaron en contra do peche están todos os decanos e decanas da USC, a Real Sociedade Matemática Española, a ACSUG, a ANEM, o Consello de Estudantes da USC, Investigal, a Asemblea de Investigadoras de Compostela e destacadas figuras académicas e científicas, como Eduardo Saénz de Cabezón ou José Luís Mascareñas.
O deputado nacionalista criticou tamén a falta de transparencia e diálogo na toma desta decisión, realizada sen informes previos e sen negociación. "Sabían que era un bo mestrado, sabían que era necesario, e aínda así actuaron con arbitrariedade", afirmou. Castro relacionou esta medida coa política de favorecemento á universidade privada, citando casos como os graos de Dereito ou Enfermaría impulsados por entidades privadas mentres se recorta na pública.
"Non queren facer política coa educación, pero pechar este mestrado mentres se bendicen graos na privada ten moito de ideolóxico", sinalou. Dende o BNG reafirman o seu compromiso coa defensa da universidade pública, "onde todos e todas somos iguais", e esixiu unha rectificación inmediata ao goberno.