BNG denuncia no Parlamento as inundacións nos aseos e as numerosas avarías do ascensor do novo centro de saúde de Narón

Mon Fernández
Mon Fernández
Fernández criticou que “desde a súa inauguración o centro sofre problemas graves” e “deficiencias estruturais” do edificio co seu único elevador en constante avaría, ademais de malos olores que xa foron denunciados polo seu persoal traballador

O BNG demandou na Cámara solucións para o novo centro de saúde de Narón, no que o seu persoal traballador leva denunciando constantes inundacións nos baños, avarías no único elevador do que dispón, malestar que vai acompañado de malos olores que perturban o bo funcionamento do centro.

O deputado ferrolán, Ramón Fernández, reprobou que o Goberno do PP dera o seu visto bo a un centro con tantos problemas estendidos ao longo do tempo, “Porque xa ten mérito”, criticou “que conseguiran un informe que avalara que un centro de saúde, de nova construción, para un concello de case 40.000 habitantes estaba ben equipado cun único ascensor”.

Este informe positivo da Xunta é algo que, a ollos do parlamentario do Bloque, supón “unha proba clara da capacidade do PP de cociñar informes presuntamente técnicos e independentes para avalar a súa política de recortes nos servizos públicos esenciais”, recriminou. Este ascensor, de feito, atópase “en constante avaría”  dunha construción que “desde a súa inauguración sofre estes problemas”, criticou.

Fernández fixo alusión tamén ás constantes inundacións no centro, que xa provocaron avarías no ascensor, mais agora a súa causa, explicou, “é que o ascensor non é o axeitado para un centro de saúde con un volume tan elevado de persoas usuarias como é este do Concello de Narón”. Mais agora as inundacións afectan aos aseos, provocando malestar e malos olores que perturban o bo funcionamento do centro de saúde.

Ademais, o deputado ferrolán tamén denunicou a insuficiente altura do acceso para ambulancias, “que fai que teñan que parar ao descuberto, e polo tanto cando chove tanto as persoas doentes como o persoal de servizo teñen que mollarse”. Reclamacións que foron rexeitadas polos Populares en sede parlamentaria, que alegaron que non era preciso acometer ningunha reforma estrutural e que só era preciso "consultar ao técnico".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG