Na Comisión Permanente non lexislativa de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza, a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, expuxo este martes a súa profunda preocupación pola "deriva" que está a tomar a promoción da cultura galega nos medios públicos, a contrapelo do que establece a Lei 1/2025.
Queixas recordou que a lei sinala como misión do servizo público "promover, difundir e impulsar a lingua galega e dar a coñecer a identidade cultural e lingüística de Galiza", unha obriga que, dixo, "non se está a cumprir". A deputada alertou do "desmantelamento absoluto dos espazos adicados á cultura na CSAG, tanto na tele como na radio ou mesmo no ámbito dixital", e acusou á dirección de "relegar ao máximo" a uns "profesionais de excepción" e de "desaproveitar" o seu potencial.
Como exemplo "moi concreto" desta política, mencionou o caso da xornalista Begoña Caamaño, elixida para protagonizar o próximo Día das Letras Galegas. Queixas lamentou que a web da Corporación non lle dedicase "ningún espazo especial" e que, ao dar a noticia, a TVG omitise as declaracións da Academia Galega. Do mesmo xeito, denunciou a situación do "Diario Cultural", que pasou de ser un "programa de fondo, con voces propias, con xornalistas especializadas, con análise... unha xoia recoñecida" a un simple "podcast" que só se emite "o sábado ás 8 da mañá" na radio convencional.
A deputada do BNG tamén fixo referencia ao "Zigzag", "o único programa cultural" da televisión, "relegado diariamente ás 20:30 horas da G2", unha canle cunha audiencia "por baixo do 1%". "É esta a maneira de celebrar os 40 anos da CRTVG?", preguntou.
Queixas desmontou o argumento da "transversalidade" da cultura, esgrimido habitualmente pola dirección, asegurando que "a cultura non ten espazo de seu" e que a desaparición de programas especializados como 'Sala 5', 'Alalás', 'Clac' ou 'Libro Aberto' supón unha perda irreparábel. Ademais, alertou sobre o perigo de que se perda o "riquísimo arquivo" histórico, xa que na nova plataforma "desapareceu o arquivo do Diario Cultural".