Senado

BNG denuncia un novo veto do PP para garantir o uso pleno e normalizado do galego no Senado

Carme da Silva
Carme da Silva
Carme da Silva lamenta que o PP “negue a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado” e sinala Rueda como “unha maquina demoledora da diversidade”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia, máis unha vez, o veto do Partido Popular no Senado para garantir o uso pleno e normalizado do galego na cámara alta. Para a senadora do BNG, Carme da Silva, este feito é “unha mostra máis do rexeitamento do PP á realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado” e a organización nacionalista avanza que volverá a traer a debate e votación iniciativas para garantir o uso pleno e normalizado do galego.

O Partido Popular volve votar en contra das emendas rexistradas polo BNG, entre outras organizacións, para garantir o uso pleno e normalizado do galego no Senado.

Durante a súa intervención, a senadora do BNG lamenta que o PP siga ancorado nunha época histórica e nunha concepción uniforme e centralista do Estado español que “nega e renega da lingua galega e impón socialmente o español”. Nesa época histórica, continúa, “que nega a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español.

“Eliminan e exclúen o galego por decreto no ensino, practican unha política lingüicida co obxectivo de facer desaparecer socialmente a nosa lingua” sinala a senadora do BNG ao PP, lembrando que tanto Rueda como Feixóo “actúan por submisión e convicción ideolóxica, como unha máquina demoledora da diversidade do nosa cultura e patrimonio”.

A senadora do BNG subliña a contradición do PP, que “fala dunha cámara de representación territorial mentres nega a existencia da Galiza como suxeito político e cultural e impide o uso en toda a actividade da cámara das linguas dos diferentes pobos que supostamente representan”.

Para rematar, Carme da Silva evoca as verbas do poeta Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil” asegurando que “non o conseguiron os Reis Católicos, non o conseguiu o franquismo, e non o conseguirá esta segunda restauración borbónica imposta por Franco”.

“O amor e o orgullo do pobo galego pola súa lingua non o vai consentir” conclúe, dirixíndose ao PP cun “grazas por nada”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG