Parlamento galego

BNG denuncia a “negativa do PP” a reforzar o profesorado especialista en tres centros de Ordes malia as “necesidades educativas urxentes”

Saleta Chao
Saleta Chao
Saleta Chao critica que a Xunta “altere o marco normativo” e advirte de que “non son casos puntuais”: hai centros cun 35% de alumnado con necesidades de apoio educativo e prazas compartidas ou a media xornada

A comisión de Educación do Parlamento rexeitou este martes, cos votos en contra do PP, unha proposición non de lei do BNG que instaba a Xunta de Galiza a avaliar e reforzar de maneira inmediata a dotación de profesorado especialista nos centros educativos do concello de Ordes. A deputada nacionalista Saleta Chao denunciou a “actitude bloqueadora” do Goberno de Rueda e advertiu de que a atención á diversidade “non é unha cuestión de casos illados, senón unha eiva estrutural” que afecta a dereitos fundamentais do alumnado.

Chao explicou que a iniciativa xurdira das propias comunidades educativas dos CEIP Castelao, Mesón do Vento e Campo Maior, así como das familias, e subliñou que “a Xunta xa ten os datos, mais nega a realidade”. En concreto, a deputada detallou a situación de cada centro: no CEIP Castelao, unha praza de audición e linguaxe só acode un día completo á semana e outra compártese co IES Maruxa Mallo; conta con dúas prazas de pedagoxía terapéutica para un alumnado con necesidade específica de apoio educativo que rolda o 35% do total. No CEIP Mesón do Vento só hai unha orientadora a media xornada, unha praza de pedagoxía terapéutica a tempo completo e unha de audición e linguaxe compartida co CEIP Campo Maior, para atender 18 alumnos con necesidades educativas especiais e 31 con NEAE. No CEIP Campo Maior, unha praza de pedagoxía terapéutica a tempo completo e outra media compartida con dous IES, máis unha praza de audición e linguaxe a tempo completo e outra media co Mesón do Vento, para un alumnado NEAE do 23% e sete alumnos con NEE.

“A conclusión é que hai máis casos de alumnado con necesidades e menos recursos, e a Consellería de Educación sempre dá a mesma resposta negativa”, lamentou Chao, quen lembrou que o Decreto de Atención á Diversidade establece como principios a normalización, a inclusión, a equidade e a igualdade de oportunidades, e obriga a dotar os recursos que respondan ás características persoais de cada alumno. “Estamos falando de nenos e nenas con diagnóstico médico ou informe psicopedagóxico. Non faría falta explicalo, pero ás veces no Parlamento hai que dicir cousas obvias”, engadiu.

“Van dicir que en Galiza todo está estupendo, que son casos puntuais e que a atención á diversidade é responsabilidade de todo o profesorado. Pois teñen razón nesa última parte, pero iso non exime a Xunta de dotar prazas suficientes de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Ese foi un avance para que o alumnado poida asistir a centros ordinarios, non para recortar recursos”. Chao advertiu de que “terxiversar o marco normativo é perigoso e ten consecuencias na calidade educativa das nenas e nenos”.

A proposición do BNG, rexeitada polo PP, solicitaba dúas medidas concretas: primeira, unha avaliación da dispoñibilidade horaria do profesorado especialista nos tres centros para coñecer o impacto das reducións de xornada e dos profesionais compartidos; segunda, reforzar de maneira inmediata a dotación de especialistas no Castelao, Mesón do Vento e Campo Maior para garantir a atención educativa con dedicación horaria suficiente. “Pedimos algo razoable e realizable. O profesorado e as familias dinos que non se está cumprindo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG