BNG denuncia a negativa do Goberno a “abrir Marín ao Mar”

Néstor Rego en Marín
Néstor Rego en Marín

Néstor Rego exixe a rectificación dos ministerios implicados para que se poida impulsar un proxecto beneficioso para a cidadanía de Marín

“Mantemos a esperanza de que o Executivo rectifique e acepte unha negociación para a cesión de espazos para a vila de Marín. É de xustiza” defende Lucía Santos

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a negativa do Ministerio de Defensa a desafectar parte dos terreos do Porto de Marín e da Escola Naval, hoxe en uso, impedindo así o desenvolvemento do proxecto “Abrir Marín ao mar”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal en Marín, Lucía Santos, exixen a cesión inmediata destes espazos para conectar a vila co seu litoral, ampliar os espazos públicos dispoñíbeis e garantir o uso civil de infraestruturas actualmente non utilizadas para outros fins.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego critica a falta de compromiso do Estado coa vila e instou aos Ministerios de Defensa e Transportes a "mudar a súa disposición" e "facilitar a cesión de terreos en beneficio da cidadanía". “Abrir o litoral a Marín é unha prioridade para o BNG e a dotación de novos espazos públicos para a veciñanza un dos nosos obxectivos” afirma Rego. Así mesmo, engade que terreos como os antigos almacéns do peirao da Ribeira, os da Avenida de Ourense ou os do Paseo Marítimo Alcalde Blanco “están abandonados ou sen uso” e que a súa recuperación implicaría “un efecto social e económico moi positivo”.

A resposta dos distintos Ministerios non convence á organización nacionalista. Así por exemplo, alegar a existencia de “redes de subministro e infraestruturas vinculadas á explotación portuaria” como escusa para non “iniciar un expediente de desafectación” non parece razón suficiente. Para o BNG, ademais, o evidente estado de abandono de moitos dos terreos e edificacións avalan, máis se cabe, o proxecto de darlle un novo uso público.

Lucía Santos lamenta a negativa  á proposta de cesión destes espazos, dos que tanto ENM como Autoridade Portuaria levan décadas facendo uso sen custe algún. “Este pasado martes, o concello de A Coruña iniciaba o proceso de licitación para a recuperación da fachada do litoral con espazos cedidos polo porto, por que Marín non?” require a portavoz municipal do BNG en Marín.

“O BNG mantén a esperanza de que o Goberno do Estado rectifique e que cando esta iniciativa sexa levada a debate en Comisión acepte unha negociación para a cesión de espazos para o pobo de Marín. É de xustiza” evidencia Santos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG