A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas, denuncia as “manobras” do Executivo de Rueda para “obstaculizar” o traballo de control e fiscalización da oposición durante a tramitación parlamentaria dos Orzamentos da Xunta para o ano 2026. “Esiximos unha rectificación e que, en aras da democracia e da transparencia, os proxecto orzamentario se remita á Cámara coa máxima prontitude, unha vez tramitados no Consello de Xunta e sen dilatar os prazos”, asegurou.
A deputada nacionalista referiuse así ao calendario manexado este ano polo Executivo do PP que, segundo transcendeu, vai aprobar o proxecto de Contas de 2026 nunha reunión do Consello da Xunta mañá, pero non vai remitir a documentación ao Parlamento até o luns, dilatando os prazos habituais outros anos.
Presas critica que Rueda se dedique a facer anuncios propagandísticos sobre os Presupostos mentres agocha a documentación ao Parlamento, rompendo o “protocolo habitual” na súa tramitación para “obstaculizar conscientemente o labor de control e de fiscalización da oposición”. “Prevemos unha fin de semana chea de anuncios que os galegos e as galegas non poden contrastar porque se está agochando a documentación”, subliña.
“E isto anticipa o que xa vimos noutras ocasións: un orzamento cheo de propaganda e publicidade que logo, á hora da verdade, vai ser arrasado por modificacións orzamentarias que farán que o proxecto final non se parece en nada ao inicial”, recalca.