A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, puxo hoxe enriba da mesa na Comisión 4.ª de Educación e Cultura a situación do CEIP Ana María Diéguez de Asados de Rianxo, un centro que cualificou como exemplo da falta de resposta da Consellería de Educación ante as demandas de familias e profesorado.
Pérez cuestionou o discurso oficial da Consellería. “Se todo está correcto, se todo está impecable como din, como se explica que a totalidade das familias dun centro decidan deixar aos seus fillos na casa durante dúas semanas? É impensable que nais, pais, profesorado e dirección tomen unha medida tan dura por capricho. Fano por responsabilidade e para esixir o mellor para os seus fillos e fillas”.
Segundo explicou, o colexio continúa este curso 2025-2026 sen contar cun profesorado especialista suficiente, a pesar de teren comunicadas reiteradamente as necesidades á Administración. O centro dispón dun orientador a tempo parcial e dun especialista en pedagoxía terapéutica e outro en audición e linguaxe compartidos con outros colexios, o que resulta insuficiente para atender os 8 casos de NEE e 5 de TEA detectados no alumnado.
Rosana Pérez lembrou que esta carencia levou no inicio do curso pasado a que as familias de 113 estudantes se mobilizasen e se negasen a levar ás súas fillas e fillos ás aulas durante 13 días, contando co apoio do profesorado, da dirección e da Corporación Municipal de Rianxo. “Lonxe de dar unha resposta positiva, a Consellería mantivo unha actitude hostil, chegando a ameazar ás familias coa Fiscalía de Menores”, denunciou.
A deputada nacionalista advertiu de que esta situación repítese ano tras ano, en paralelo a un incumprimento reiterado do acordo de mellora educativa asinado pola Xunta en 2023 e xa denunciado polos sindicatos nos xulgados. “Non sabemos de que inclusión fala o Goberno galego cando nenos e nenas con necesidades específicas fican sen a atención que lles corresponde por dereito”, sinalou.
Por todo isto, Pérez reclamou ao executivo galego medidas inmediatas e concretas para reforzar a dotación de profesorado no CEIP Ana María Diéguez, garantir os desdobres necesarios e asegurar que todos os alumnos e alumnas poidan recibir unha educación pública de calidade e verdadeiramente inclusiva.