O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, denunciou esta mañá na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos a falta de acción da Xunta de Galiza para cumprir coa Lei 7/2022, que obriga á retirada do amianto en edificios públicos e privados. Fernández destacou o perigo que supón para a saúde, especialmente en centros educativos con estruturas degradadas, e reclamou un plan integral similar ao aplicado en Cataluña.
A lei establece que, antes do 10 de abril de 2023, os concellos debían elaborar un censo de instalacións con amianto e un calendario para a súa retirada, información que debería ser pública e enviada ás autoridades autonómicas. Porén, Fernández sinalou que moitos concellos non contan cos recursos necesarios, mentres a Xunta tampouco asumiu as súas responsabilidades de inspección e xestión.
O deputado do BNG recordou que a Organización Mundial da Saúde advirte que non existe un nivel seguro de exposición ao amianto, vinculado a doenzas como a asbestose e o cancro. Alertou ademais do risco maior en instalacións degradadas, como cubertas de colexios con fendas, e criticou que a Xunta non priorice a súa eliminación.
Fernández comparou a situación galega coa de Cataluña, onde xa existe un Plan de Retirada do Amianto 2023-2032, cunha lei propia e axudas específicas. “En cambio, en Galiza só hai un programa de rehabilitación de edificios con financiamento europeo que, aínda que inclúe un plus por retirada de amianto, non é suficiente para afrontar a magnitude do problema” salientou.
Mon Fernández fixo fincapé na urxencia de actuar: "Non é aceptable que, coñecendo os riscos, a Xunta mire para outro lado. A poboación infantil está en perigo, e iso é inexcusable". Criticou que o goberno do PP non abordase os centros educativos con amianto en mal estado, citando varios casos na comarca de Ferrol, como o instituto de Fene ou a escola de Moeche. Reiterou a demanda dunha estratexia coordinada, con fondos específicos, e advertiu de que a inacción supón "unha irresponsabilidade que pagaremos con saúde".