O deputado Mon Fernández do Bloque Nacionalista Galego preguntou esta tarde en sesión plenaria sobre as preocupantes denuncias sobre a calidade da comida na residencia e centro de día Díaz de Dávila, situado no concello de Ortigueira.
O deputado nacionalista trasladou as críticas dos usuarios e usuarias do centro, quen aseguran que "pasan máis fame que na guerra" debido ás condicións insatisfactorias da comida proporcionada. Este centro, que atende a aproximadamente 50 persoas de idade avanzada e con altos niveis de dependencia, depende dun servizo de cátering externo que ofrece un menú semanal repetitivo, cunha única entrega semanal.
As queixas, amplamente divulgadas a través de cartas ao Concello e ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, así como nunha carta aberta á comunidade comarcal, non foron abordadas satisfactoriamente polo Consorcio, que argumenta razóns de seguridade alimentaria e controis de calidade para manter o servizo actual.
Fernández lembrou que, ante a falta de resposta por parte da administración, as persoas residentes decidiron organizarse e visibilizar a súa situación a través das redes sociais, chegando a superar as 30.000 visualizacións nun dos vídeos publicados. “Din que o Partido Popular o único que fai é negar a realidade e tratar de desacreditar ás persoas que protestan”, afirmou.
Mon Fernández expresou a súa preocupación polo impacto destas condicións na calidade de vida dos residentes e na súa nutrición diaria, subliñando a necesidade urxente de reconsiderar a xestión do servizo de alimentación. "É fundamental garantir que todas as persoas maiores reciban unha alimentación axeitada e de calidade nos centros públicos", afirmou o deputado.
O BNG denuncia que a Xunta segue negando a posibilidade de cociñar no propio centro, a pesar de contar cunhas instalacións preparadas para iso. Fernández insistiu en que “se a comida envasada, transportada e requentada fose mellor que a feita no momento, aquí no Parlamento tamén comeríamos de catering unha vez por semana”.
Desde a formación nacionalista seguen reclamando unha solución inmediata para garantir que as persoas maiores reciban unha alimentación digna e acorde coas súas necesidades, esixindo á Xunta que atenda as demandas da residencia de Ortigueira sen máis escusas nin desprezos.