A portavoz de Política Social do BNG, Olalla Rodil denunciou na Comisión de Sanidade o abusos que as residencias privadas galegas están cometendo coas persoas usuarios dos seus servizos. En concreto, referiuse aos “repentinos, abruptos e inxustificados” incrementos nos prezos das prazas, coincidindo ademais co recoñecemento de axudas públicas ás persoas usuarias. Unha práctica que a deputada cualificou de “mercantilización dos coidados” e “aproveitamento da necesidade da xente” ao existir unha ausencia “deliberada por parte do PP” de alternativas públicas.
“É inadmisible o grao de mercantilización que existe dos coidados e o aproveitamento que fan as empresas e privadas dos dereitos das persoas sen o máis mínimo escrúpulo”, afirmou, lembrando que esa ausencia de prazas públicas leva a “engordar aínda máis o negocio sobre a base da necesidade das usuarias e as súas familias”.
A modo de exemplo, Rodil expuxo o caso dunha usuaria dunha residencia privada da provincia da Coruña, xestionada pola Fundación Fesán —“ben coñecida polo Partido Popular” e da que tamén dependen dúas residencias, en Lugo e Santiago, construídas pola Fundación Amancio Ortega e privatizadas polo PP—. Esta persoa paga 2.400 euros ao mes por unha habitación dobre —“ nin sequera tes unha habitación para ti soa”—, cun grao de dependencia III recoñecido formalmente con posterioridade á súa entrada na residencia, mais co mesmo nivel de necesidade de atención e coidados que cando entrou. “Non se volveu grande dependente dentro da residencia, como acontece noutros casos”, puntualizou.
Esa usuaria, segundo indicou Rodil, viu como a empresa incrementou máis de 300 euros ao mes o custe da praza en canto a Xunta lle recoñeceu unha axuda económica vinculada á dependencia, “sen mediar xustificación nin información de ningún tipo”. É máis, cando lle requiren unha explicación por esa suba, Fesán asegura que vén motivada por “inspeccións da administración á residencia”.
É dicir, que atribúe a responsabilidade dese incremento ao Goberno galego, sendo este un centro que nin sequera está concertado. “É evidente que a suba pretende fagocitar a axuda pública concedida á persoa, algo que non pode facer”, criticou a deputada nacionalista engadindo que “aínda que sexa unha empresa privada, isto non é a lei da selva”.
Por outra banda, criticou que, cun prezo de 2.400 euros ao mes, o bono residencia de 100 euros ao mes que a Xunta paga ás persoas usuarias das residencias privadas e do que o PP botou man para contestar a Rodil, “non equipara o acceso a unha praza nunha residencia privada co que pagas nunha residencia pública”, que, lembrou, se aporta conforme á pensión recibida e gardando un 25% para gastos privados, porque “non é unha residencia, non un cárcere”. “A ver quen cobra 2.300 para pagar unha residencia”, lembrando que a pensión media en Galiza son 1.100 euros e o salario medio, 2.000 raspados”, engadiu.
É por iso que, na iniciativa, que foi rexeitada polo PP, o BNG pedía que a Xunta se dirixa á empresas e entidades xestoras de residencias de maiores para lembrarlles que o recoñecemento de situacións de dependencia non pode ser xustificación para o incremento do custe do servizo sen xustificación dunha maior necesidade de atención ou servizos complementarios aos que se viñan prestando até ese momento ás persoas usuarias.
“É unha proposta para garantir que a Xunta de Galiza cumpre coa súa responsabilidade de velar polos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais e pola máxima calidade na prestación dos Servizos”, subliñou Rodil.
Unha defensoría das persoas usuarias dos servizos sociais
Como segundo punto da proposta, o Bloque demandaba a creación, no seo da Consellaría de Política Social, dunha oficina de atención ás usuarias e usuarios de servizos sociais —e ás súas familias—que permita elevar denuncias sobre o tratamento, atención ou calquera outra circunstancia referida á prestación do servizo que poida supor unha vulneración dos seus dereitos permitindo á administración arbitrar medidas que impidan os abusos, sobre todo, para garantir a necesaria dotación de recursos humanos e materiais da devandita “defensoría” das persoas usuarias dos servizos sociais.
Olalla Rodil salientou que a Consellería de Política Social é a que máis queixas vén suscitando, segundo se desprende dos datos dos sucesivos informes da Oficina de defensa das persoas usuarias de servizos públicos, segundo os que, no 2016, do total de 319, esta consellería recibiu 50 queixas, mentres que en 2023 o número aumentou significativamente, con 872 queixas dun total de 2.036.