Parlamento Galego

BNG denuncia a fenda salarial de ata 3.000€ anuais entre Ourense e outras provincias polo mesmo traballo

Xuntanza cos traballadores e traballadoras afectados
Xuntanza cos traballadores e traballadoras afectados

Mon Fernández insta á Xunta a intervir na negociación do convenio do comercio de alimentación en Ourense

A formación nacionalista reclama á Xunta que actúe con urxencia para garantir condicións laborais dignas e frear o despoboamento da provincia

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento unha proposición non de lei coa que insta á Xunta a actuar con urxencia diante do estancamento na negociación do convenio colectivo do comercio de alimentación na provincia de Ourense. A iniciativa chega tras tres xornadas de folga no sector e ante a previsión de novas mobilizacións.

O deputado nacionalista Mon Fernández sinalou que a principal demanda da parte social é a actualización salarial para recuperar o poder adquisitivo perdido pola subida xeralizada dos prezos, así como acabar coa inxustificada diferenza salarial de ata 3.000 euros anuais respecto aos convenios vixentes na Coruña e Pontevedra. Esta situación afecta a traballadoras e traballadores que desempeñan o mesmo labor, nas mesmas empresas, mais con condicións laborais máis precarias por estar en Ourense.

“O feito de que os produtos teñan o mesmo prezo e que as empresas sexan as mesmas en toda Galiza fai aínda máis inxusta esta discriminación salarial”, denunciou Fernández, que lembra que as grandes cadeas do sector son as que controlan tamén a representación empresarial na mesa de negociación.

Ademais, desde o BNG insisten en que mellorar os salarios nesta provincia é unha medida clave para frear o despoboamento e avanzar na cohesión social e territorial de Galiza, un obxectivo que a Xunta di compartir pero que, na práctica, non está apoiando.

A través desta iniciativa, o BNG solicita que o Goberno galego se reúna coa representación social presente na mesa negociadora do convenio, contacte cos grupos empresariais implicados e os inste a retomar a negociación co compromiso de avanzar na igualdade salarial e territorial.

O BNG tamén rexistrou unha batería de preguntas para coñecer o número de persoas afectadas por este convenio, a porcentaxe de mulleres no sector e a opinión da Xunta sobre a viabilidade de manter un proxecto de vida digno con salarios próximos ao mínimo interprofesional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG