Un ano máis, a viticultura galega enfróntase a unha vendima marcada pola incerteza. Sen planificación, sen coordinación e sen mecanismos que garantan un reparto xusto de responsabilidades entre o sector produtor e o transformador, a campaña comeza sen que desde a Xunta se activasen medidas de previsión ou apoio.
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa na que recolle propostas concretas para cambiar esta realidade. “Non se trata dun problema conxuntural nin dunha situación excepcional, senón da consecuencia directa da falta de política agraria por parte da Xunta e da ausencia dunha visión estratéxica para o sector vitícola”, advirte a deputada Sonia Vidal.
Desde o BNG critícase que, malia a importancia económica e social do viño en comarcas como o Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, a Ribeira Sacra ou o Rias Baixas, a Xunta segue sen actuar como administración planificadora. Non se convocan reunións entre os distintos axentes implicados, non se analizan conxuntamente os escenarios de mercado, nin se abordan cuestións chave como a estrutura do sector, os contratos previos ou as garantías de recollida.
De feito, o ano pasado chegou a darse unha situación sen precedentes: uvas que non foron recollidas nas denominacións de orixe por falta de acordo entre produción e transformación. “A Xunta mira para outro lado mentres o sector funciona sen planificación, e iso, a medio e longo prazo, si ten consecuencias serias: perda de viñas, desmotivación, concentración da actividade en mans de uns poucos e abandono do territorio”, manifesta Sonia Vidal.
A iniciativa presentada polo BNG recolle medidas como a posta en marcha dun Plan Estratéxico do Sector Vitícola Galego, elaborado coa participación real do sector; a profesionalización das Mesas do Viño, que deben converterse en espazos estables de diálogo e decisión nas denominacións de orixe; e a activación de axudas directas para recuperar viñedos, mellorar a rendibilidade e favorecer o relevo xeracional.
Outros aspectos destacados da proposta son a revisión do funcionamento das denominacións de orixe, para garantir unha representación equilibrada, unha maior transparencia e a defensa do pequeno produtor; a simplificación da burocracia que penaliza ás pequenas explotacións; e a necesidade de anticipar políticas fronte ao cambio climático e á variabilidade das colleitas.
O BNG tamén propón a creación dun rexistro de viticultores/as activos/as, así como a identificación e mobilización de fincas abandonadas ou en risco, co obxectivo de facilitar a continuidade da actividade.
“Desde o BNG levamos anos advertindo que o sector necesita máis que fotos e festas: necesita planificación, diálogo, estruturas eficaces e apoio institucional”, subliñou a deputada nacionalista. “A Xunta non pode seguir ausente mentres o sector traballa ás cegas. É hora de construír unha política vitícola propia, pensada desde Galiza e para Galiza”.