parlamento galego

BNG denuncia a falta dun plan por parte da Xunta de Rueda para a xestión do xabaril ante a peste porcina africana

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
Ariadna Fernández critica que a única resposta da Xunta sexa a emerxencia cinexética, o que, asegura,  non garante a protección do sector  

A deputada do BNG Ariadna Fernández denunciou na Comisión de Agricultura a inacción da Xunta ante a peste porcina africana (PPA) e esixe un plan urxente de xestión do xabaril así como medidas protectoras para o sector en Galiza. Asegurou que se trata dunha enfermidade vírica cunha capacidade de contaxio e unha mortalidade practicamente do 100%, que ameaza tanto as explotacións intensivas como as extensivas e as de autoconsumo.

Fernández critica que a única resposta do goberno galego sexa a emerxencia cinexética e advirte de que xa hai 162 casos confirmados de PPA con 31 focos, mentres o sector porcino rexistra perdas de ata 35 euros por animal. 

 A deputada nacionalista puxo en valor a importancia económica dun sector que en Galiza conta con máis de 2.500 explotacións de porcino de nais e cebo, con 1.300.000 cabezas, que xeran máis de 700 millóns de euros de facturación directa —o segundo dato de maior relevancia do sector agrogandeiro, representando o 9% da produción total— e máis de 400 millóns en exportacións. 

Advirte que as perdas xa son palpables e que desde a detección do primeiro xabaril positivo á PPA en Galiza, os prezos caeron con baixadas de 10, 10 e 6 céntimos en tres semanas consecutivas na lonxa de Lleida, acumuladas sobre tres anos consecutivos de crise. O prezo por kg de Peso Vivo situouse en 1,05 euros, 45 céntimos menos que en Alemaña, e os produtores estiman perdas de entre 30 e 35 euros por animal.

A única medida da Xunta, a declaración de emerxencia cinexética

Fernández criticou duramente que a única medida adoptada pola Xunta fose a declaración da emerxencia cinexética, que cualificou de insuficiente e ineficaz: os propios datos do goberno galego demostran que non soluciona o problema.

Ademais, segundo indicou, a propia Federación de Caza advertiu que as novas modalidades non son seguras, que a caza intensiva favorece os movementos dos animais —aumentando os sinistros en estradas, que xa superan os 10 ao día—, e que os animais abatidos que quedan no terreo sen recoller son unha fonte de risco sanitario grave. Ademais, os cazadores manifestaron explicitamente que non queren sobre eles a responsabilidade de loitar contra unha crise sanitaria, xa que esa é competencia da administración. “Vanlles dar os seus soldos aos cazadores por solucionarlles o panorama do problema do xabarín?”,  interpelou Fernández.

Na quenda de réplica, a deputada do BNG, ante a negación por parte do PP da inacción da Xunta, lembroulle á deputada do PP que o propio xefe de sanidade animal da Consellería do Medio Rural recoñeceu en prensa que “sendo realistas sería imposible o control das explotacións de autoconsumo”, que son 25.000. “Xa vostedes recoñecen a súa propia incapacidade”, afirmou a deputada.

A proposta do BNG

Fronte á falta de medidas da Xunta de Rueda, o BNG presentou medidas concretas e urxentes, entre as que destaca a posta en marcha dun Plan de Xestión do Xabaril e un control exhaustivo das especies silvestres con criterios científicos, técnicos e diagnoses laboratoriais. Fernández subliñou a incoherencia de que a Xunta rebaixase o orzamento de indemnizacións por danos do xabaril de 2 millóns de euros a 1.400.000 euros precisamente no momento en que a presión do xabaril e o risco sanitario están no seu nivel máis alto.

A deputada tamén lamentou a debilidade industrial do sector en Galiza: mentres en Cataluña hai 14 industrias de gran tamaño vinculadas ao porcino, en Galiza só hai 1, o que supón unha perda continuada de valor do produto. Fernández concluíu cun reto directo ao goberno galego: “Se queren facer algo ao respecto da PPA e do problema do xabaril do país, voten a favor. Se non, explíquennos o seu plan, se o teñen»”.

O PP votou en contra da iniciativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG